A nova Ordenanza de Avaliación dos Edificios mellorará a seguridade ao obrigar á revisión dos que teñan máis de 50 anos

154

Os propietarios dos edificios de Pontevedra terán que comezar este mesmo ano a presentar o informe de avaliación co que se pretende previr accidentes que poñan en risco a seguridade pública. A lei nacional, que entrou en vigor o verán pasado, obriga aos concellos a elaborar ordenanzas reguladoras. A Comisión de Urbanismo ditaminou hoxe, por unanimidade, o texto pontevedrés. A ordenanza será aprobada polo Pleno do próximo luns e entrará en vigor unha vez publicada nos boletíns oficiais.
O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, presentou hoxe o texto definitivo, que cualificou como prudente ao minimizar as molestias para os propietarios (sen esixir máis do que está previsto na lei), ao tempo que trata de maximizar as garantías de seguridade nos edificios revisados.
A Ordenanza de Avaliación dos Edificios afecta a todos os inmobles de máis de 50 anos de antigüidade. Obriga tamén a revisións periódicas cada 10 anos unha vez superada a primeira inspección.
Antón Louro destacou que a normativa nacional cambiou de esixir só unha revisión técnica da estrutura e instalacións dos inmobles, como ata o de agora, a abranguer tamén os campos da accesibilidade universal e a eficiencia enerxética, o que obrigou a unha redacción máis completa.
Os principais efectos beneficiosos da nova ordenanza son a previsión de accidentes e o incentivo ao mantemento. Non obstante, terá tamén efectos prácticos ao facilitar aos propietarios un documento indispensable para acceder ás subvencións públicas en materia de vivenda e, finalmente, proporcionarlles o obrigado certificado de eficiencia enerxética, obrigado legalmente para a venda dunha propiedade inmobiliaria.
As inspeccións dos edificios serán unicamente visuais e só no caso de detectarse deficiencias pode ordenarse algunha proba complementaria para determinar a gravidade. En caso de emitirse informe con recomendación de obras, os propietarios terán dous meses para presentar a solicitude no Concello. O incumprimento das obrigas dará pé a apertura dun procedemento de disciplina urbanística por falta leve.
Ademais, o Concello creará un Rexistro para xestionar os informes. Será tamén o encargado de publicar na web do Concello e no taboleiro de editos os edificios aos que lle toca pasar a revisión no ano en curso.
Durante a exposición pública aceptáronse parcialmente as alegacións presentadas polos colexios provinciais de Enxeñeiros e Aparelladores. O máis significativo é que os técnicos deberán tamén revisar as instalacións no interior das vivendas. Algo lóxico, explicouse hoxe, cando unha boa parte dos accidentes orixínanse por mal estado de instalacións “de porta adentro”.
Diante do elevado volume de edificios, naves industriais e casas unifamiliares que terán que pasar a avaliación, a propia Ordenanza establece un calendario, co obxectivo de chegar ao ano 2018 coa totalidade do parque edificatorio de máis de 50 anos revisado.
Ata o remate do ano 2015 teñen que pasala os edificios cunha antigüidade superior aos 70 anos.
Ata o remate do ano 2016 os edificios de máis de 60 anos.
Ata o remate do ano 2016 os edificios de máis de 50 anos.

Os edificios BIC, catalogados ou inventariados, disporán de tres prazos diferentes:
Os anteriores a 1900 ata o remate de 2015.
Os anteriores a 1925 ata o remate de 2016
As edificacións rehabilitadas integralmente a partir de 1990, ata o remate de 2018.