O alcalde comproba o resultado da mellora ambiental no barrio do Monte do Taco

90

O alcalde visitou esta mañá as obras de mellora ambiental e urbana que o Concello está a realizar no pequeno barrio do Monte do Taco, na parte alta da Confraría de Pescadores de Pontevedra. Trátase dun proxecto que ten un investimento de 60.000 euros para mellorar a calidade deste espazo de casas unifamiliares -a maior parte- e que está sendo dirixido pola concelleira delegada do barrio de San Roque, Carmen Fouces.

Segundo explicou o alcalde esta mañá “estase facendo unha mellora ambiental e de calidade dun espazo moi complexo porque ten moitas dificutades arquitectónicas, pero co novo axardinamento, coa nova recollida de augas pluviais, e a posta en valor das zonas de estar, vai a mellorar moitísimo este pequeno barrio”.

O proxecto contempla unha actuación integral en todas as zonas verdes do barrio, incluídos os noiros do que foi a vella canteira de Pontevedra, que teñen certa complexidade polo sinuoso do terreo pero que quedarán como espazos “coquetos, xa que terán en conta a luminosidade da praza e das rúas, así como o colorido das plantas ou incluso o seu olor” explicaba o alcalde, dado que se están a facer plantacións de especies aromáticas.

Ademais, tamén se está a facer un traballo de recollida e canalización de augas pluviais que non tiñan saída na rúa Monte do Taco, e que agora se canalizarán cara o río Gafos, o que permitirá retirar as humidades das viviendas da parte máis baixa do barrio.

Aproveitando estanse a eliminar o maior número de barreiras arquitectónicas, así como adecentando as escaleiras que dan acceso á parte máis alta do Monte do Taco, que como explicou o alcalde “necesitaba esta actuación”.

Esta primeira parte concluirá coa ordenación do estacionamento da plaza do Monte do Taco para evitar problemas aos veciños que en moitas ocasións tiñan problemas para acceder ás súas propias vivendas.

Unha segunda actuación se realizará na parte baixa do barrio, fronte ao edificio da Confraría de Pescadores, onde está previsto reordenar o uso dos espazos. O Concello farase cargo do mantemento dos xardíns que existen na actualidade diante das casas, e que están sendo atendidos polos veciños (dun xeito desigual). Ademais, será preciso crear beirarrúas nesta marxe da rúa, así como facer unha nova pavimentación dado que o asfalto está en mal estado nalgúns tramos.O alcalde destacou que esta primeira actuación foi consensuada cos veciños do lugar “para facer o que a xente demanda”.