Yllana porá en escena ‘Star Trip’ este domingo no Salón do Libro de Pontevedra

93

A premiada compañía de teatro Yllana traerá a Pontevedra, da man do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, o seu espectáculo ‘Star Trip’, unha obra que adentra ao espectador no alucinante e absurdo mundo da ciencia ficción e do espacio.

A representación terá lugar este domingo, 22 de marzo (18:30 horas), no Auditorio do Pazo da Cultura, e as entradas, a 3 euros, xa se poden mercar en Ataquilla.com ou no teléfono 902504500. No caso de sobrar, poranse á venda as restantes no propio Pazo dende unha hora antes de que comece a función.

‘Star Trip’, recomendada para público familiar a partir de oito anos, está protagonizada por catro intrépidos astronautas que levan medio século hibernando dentro dunha nave espacial que vaga polo espazo. O seu obxectivo é destruir todo tipo de vida intelixente no universo.

Os actores que dan vida a tan particulares personaxes son Antonio Pagudo (conocido polo seu papel de Javi na serie televisiva ‘La que se avecina’), Fidel Fernández, Raúl Cano e Juan Ramos.

O espectáculo, duns 75 minutos de duración, comeza co despertar da tripulación e a súa loita por dominar unha nave que parece ter vida propia. A comedia vén dada polos diferentes mundos cos que van colisionando os catro astronautas.

Ademais, a compañía teatral destaca o coidado da banda sonora da peza e os elaborados efectos visuais, que renden homenaxe a xéneros como a ciencia ficción.

Yllana naceu en 1991 como compañía de teatro de humor xestual. Ata a actualidade produciu 17 espectáculos, que se representaron en 33 países e foron vistos por máis de un millón de espectadores. Moitos deles foron premiados, como ‘Zoo’, ‘Brokers’, ‘Muu’, Paganini’ ou ‘Glub Glub’.

Ademais da función que se representará o domingo para o público en xeral, Yllana tamén ofrecerá un pase concertado para os centros escolares o vindeiro luns, 23 de marzo, ao que asistirán arredor de 500 rapaces de toda Galicia.