A Concellería de Turismo apoia á Fundación de Amigos do Camiño Portugués

132

A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, e o presidente da Fundación Camiño de Santiago, Celestino Lores, pecharon hoxe o convenio que ambas entidades asinan para financiar as actividades de promoción do Camiño correspondentes a este ano 2015.
A achega municipal será dun importe de 8.000 euros e axudará a sufragar o custo das actividades de peregrinación a pé polo Camiño Portugués da Costa, a Gala da Camelia e a programación do XIV Encontro de Hospitaleiros, que se celebrará durante o mes de setembro.
Carlota Román destacou que esta achega é a única que recibe a Fundación de Amigos do Camiño Portugués. Os albergues, explicou, están abertos gracias ao traballo de asociacións de voluntarios, como é o caso dos Amigos do Camiño Portugués e, por iso, resulta vital que os concellos continuemos apoiando este tecido social que mantén vivos os Camiños a Santiago.
A concelleira subliñou que o Eixo Atlántico (organismo supramunicipal que agrupa a concellos galegos e portugueses) está a traballar intensamente para poñer ao Camiño Portugués ao mesmo nivel de promoción que o Francés. Carlota Román indicou que os concelleiros de turismo lusos están moi involucrados e iso debe traducirse nun esforzo institucional conxunto. Pontevedra é a Capital do Camiño Portugués e temos a obriga de aproveitar esa marca turística.
O Eixo Atlántico, engadiu a responsable municipal, é o foro que debe acometer ese labor, xunto coa consolidación da propia traza do Camiño no territorio luso, tanto na variante do interior como no da costa. En Galicia, engadiu Celestino Lores, o trazado está claro e definido dende hai tempo, aínda que xorden rutas alternativas “que son outra cousa”.
O texto do convenio recolle na exposición de motivos que a Fundación Camiño de Santiago figura inscrita no Rexistro de Fundacións do Ministerio de Cultura desde o ano 2005. A fundación, desde a súa constitución, leva a cabo unha serie de actividades de promoción do Camiño de Santiago, en especial do Camiño Portugués que ten o seu paso por Pontevedra, así como é a encargada do mantemento do Albergue de Peregrinos “Virxe do Camiño” de Pontevedra, estas actividades, e outras, merecen o recoñecemento e apoio da institución municipal dado o seu interese para a cidadanía pontevedresa e utilidade pública.
Finalmente, Celestino Lores adiantou as boas perspectivas de ocupación do albergue de Pontevedra de cara á Semana Santa, época na que se agarda un cheo total.