Máis de 2.700 mozos participaron até o de agora nas Noites Abertas

200

O Concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez fixo esta mañá balance do ecuador de Noites Abertas que este ano chega á súa 16 edición, sendo o programa de ocio alternativo Noites Abertas na cidade de Pontevedra.

Demetrio Gómez explicou que “chegamos cada vez máis ao sector máis difícil da poboación, que son os mozos a partir de 16 anos que están moi fartos do sistema e das administracións. Isto ten que ver co modelo democrático de Noites Abertas, porque lle pedimos á xente que diga que actividade quere e que as organice. O Concello traballa como un máis en pé de igualdade neste proxecto”. Ademais, asegurou que “esto supón que aproveitamos ben os recursos públicos e permite que a mocidade se incorpore á vida democrática”.

Tras 26 xornadas programadas, a Concellaría de Xuventude fai valoración totalmente satisfactoria xa que hai unha ampla participación que se mantén cada fin de semana e centrada principalmente na mocidade de 17 a 25 anos (59 %), practicamente igual que no ano anterior que era do 58%.  Os menores de 12 a 16 anos representan o 31% (o 24% o ano pasado) e os maiores de 26 seguen baixando e tan só representan o 10% da participación total (o ano pasado eran o 18%).

Noites en cifras

Ao longo deste tempo a participación total foi de 2.719 mozos e mozas (o ano pasado 2.624 co mesmo número de fins de semana e de xornadas).

Séguese incrementando o número de participantes menores de 26 anos; aínda que o programa se dirixa ás idades que van de 12 a 30 anos, o 90% son menores de 26 anos (84,1% na edición pasada), polo que cada ano é máis evidente o relevo xeracional.

É destacable o elevado incremento de mozos/as adolescentes do tramo de idade 12-16, xa que aumentou considerablemente con respecto ao ano pasado, isto percíbese nas propias actividades onde destaca unha maior presenza desta poboación máis noviña.

A media de participación por xornada é de 226,58,  mentres o ano pasado era de 218,6. Segue aumentando a media de participación por fin de semana. Este ano é de   358 persoas,  similar ao ano pasado onde era  354.

A primeira fin de semana foi a máis numerosa da historia do programa, con 579 participantes  participantes (o ano pasado foi esta mesma finde con 562).

Atendendo á participación de ambos sexos, os mozos superan ás mozas. Eles supoñen o 56% e elas representan o 44% (53% e 47% respectivamente, o ano pasado).

Aínda que a superioridade masculina ten que ver co fútbol (actividade máis numerosa e na que a participación masculina é maioritaria), onde xa levan participado 600 mozos e 19 mozas, percíbese un incremento da participación  masculina no resto das actividades.

A incorporación das mozas ao fútbol cada ano é maior debido ás medidas de acción positiva que se establecen para facilitar o acceso das mozas a un deporte masculinizado. Este ano, nas actividades de fútbol sala xa xogaron 19 mozas na metade das sesións, o que supón 9 mozas máis que en todo o ano pasado e 11 máis do ano anterior (2013).

Noites leva organizada 150 sesións de actividades (155 o ano anterior) e unha media de 12,5 actividades por día (media de 13 o ano pasado e 10 o anterior). Do total, 213 persoas quedaron fóra das actividades por falta de prazas (349 ano anterior), aínda que son redirixidas ás outras actividades.

As actividades

Por actividades, as que contan con maior número de participantes debido á súa demanda e á dispoñibilidade de moitas prazas son o Fútbol 7, Fútbol Sala e Bailes Latinos.

Tivéronse que facer sorteo de prazas para poder entrar nas actividades de Fofuchas, Risoterapia, Repostería internaciona (nas 3 sesións), Fútbol sala, Cociña enerxética e Hip Hop.

Noutros casos, se ben non se chegou a facer sorteo, houbo actividades que colgaron o cartel de “completo” nalgunha das súas sesións ou ben ampliaron as prazas para dar cabida a todo o mundo (isto non é posible sempre por falta de espazo, material… pero hai que destacar a boa disposición do monitorado para facer este esforzo cando pode sen mermar a calidade da súa actividade) como nalgunha das sesións de Esgrima e Loita, Taichí e Chikung, Risoterapia, Facemos pan, Tiro con arco, Fofuchas, Repostaría Internacional, Paseo nocturno polo Gafos, Hip Hop, Fútbol Sala, Cociña enerxética, Masaxe Tailandesa, Cócteles sen alcol, cociña para estudantes, pizzas vexetarianas.

As actividades “en branco” que houbo que suspender por falta de asistentes, nesta ocasión foron 6 (2 máis que o ano anterior): Baile deportivo en grupo, Baile galego (2 sesións), Papaventos, Instrumentos humildes da música tradicional e Coro moderno.

Sorteo de prazas 

Moitas das actividades presentaron unha grande demanda, sobre todo ao inicio do programa, o que xerou que se cubriran totalmente as prazas dispoñibles nalgunhas das súas sesións. Como en anos anteriores, a organización aumentou o número de sesións destas actividades, pero aínda así houbo que empregar o sistema de sorteo de prazas incorporado hai dous anos, como recurso para a selección de participantes cando o número de asistentes interesados supera a capacidade máxima da actividade.

Este ano os sorteos de prazas víronse incrementados considerablemente, especialmente nas primeiras fins de semana, así, a metade das xornadas lévanse feito oito sorteos cando o ano pasado fixéronse só 13  en todo o programa.

Noites Abertas representa xa unha oferta de ocio consolidada, dirixida á mocidade non só de Pontevedra senón a toda a comarca e incluso acolle a mocidade de toda a Galicia e de fóra que veñen estudar ou traballar á cidade.

O programa de actividades continúa ata o sábado 25 de abril, durante todos os venres e sábados, e con moitas novidades, configurando así unha proposta de lecer diversificada que responde á multitude de gustos e intereses da mocidade e de xeito totalmente gratuíto.

Canal de TV: Telenoites e Documentario “15 anos e pico de Noites Abertas”

Noites Abertas ten un canal en Youtube para poder visionar vídeos das actividades. Xornada a xornada, participantes e monitorado amosan as súas actividades para incentivar a participación e a difusión pública desta iniciativa xuvenil na cidade de Pontevedra.

Na festa final o 25 de abril estrearase o Documentario que leva por título “5 ANOS E PICO DE NOITES ABERTAS” que están a realizar dende TeleNoites e que fará unha traxectoria polos 16 anos xa de Noites Abertas en Pontevedra, con imaxes e persoas que participaron ao longo deste tempo neste proxecto que é o programa cultural máis antigo do Concello de Pontevedra.

http://www.facebook.com/noitesabertas

http://www.noitesabertas.com

Programación para esta fin de semana

Venres, 20 de marzo

  • PAZO DA CULTURA: XVI Salón do Libro
    • 19-21h. Encadernación e deseño de cubertas
    • 19-21h. Astronomía: da ciencia á ficción
  • FROEBEL
    • 20-21,30h. Hula hooping- Hula dance
    • 20,30-23h. Pintura-Plakatstil
    • 20,30-23,30h. Tenis de mesa libre
    • 21-22,30h. Repostaría internacional
    • 21-23h. Coiro: moedeiro
  • PRAZA SANTA MARÍA
    • 20,30-22,30h. LongBoard-LongSkate
  • CASA AZUL
    • 21-00h. Pontevedra 360º: fotos panorámicas
    • 22-00h Xogando a meditar
  • PAVILLÓN MUNICIPAL DOS DEPORTES
    • 21-23h. Defensa persoal.  Hapkido
  • Saída do PALCO DA MÚSICA DA ALAMEDA
    • 21-23h. Ponte-caching: na procura das orixes da cidade

Sábado, 21 de marzo

  • PAZO DA CULTURA: XVI Salón do Libro
    • 19-21h. Laboratorio nocturno: experimentos científicos
    • 19-21h. Os Xogos da Fame
    • 19-21h. Robótica básica
  • FROEBEL
    • 20-22h. Atelier Postal: arte postal
    • 20,30-23,30h. Tenis de mesa libre
    • 21-23h. Facemos pan?
    • 22-23h. ZumbaR
    • 22-23h. Pins e chapas persoalizadas
  • CASAZUL
    • 20-21,30h. Danza contemporánea
    • 20,30-00h. Graffiti (iniciación)
    • 22-00h. Relaxación divertida
  • PAVILLÓN MULTIUSOS
    • 21-23h. Tiro con arco (iniciación)
    • 21-23h. Billarda