O Concello apoia que se retire a privatización dos Rexistros Civís

157

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá aos sindicatos de xustiza e á Plataforma SOS Xustiza dos que coñeceu a controvertida privatización dos Rexistros Civís que propón o Ministerio de Xustiza. Dende a entrada en vigor do regulamento da nova lei, que xa está aprobada, os Rexistros Civís deixarán de facer vodas, inscribir nacementos, dar fes de vida ou o resto de actividade diaria que teñen, para pasala a mans dos Rexistros Mercantís.

Segundo explicaron os sindicatos, pasarase de ter un Rexistro Civil en cada Concello (315 oficinas) a ter só 5 en Galiza (un por capital e outro en Vigo). Ademais o custe das actividades das que dará fe os Rexistradores Mercantís triplicarase dado que na actualidade os Rexistros Civís recadan 500 millóns de euros en toda España, e pasarán a recadar os novos órganos privatizados entre 1.200 e 1.500 millóns de euros ao ano.

Tamén indicaron que os Rexistros Civís son os órganos de xustiza mellor valorados, segundo as últimas enquisas elaboradas pola Axencia que valora a satisfacción dos usuarios de xustiza. O 85% das persoas preguntadas aseguraron que estaban satisfeitos ou moi satisfeitos con servizo recibido.

O alcalde comprometeuse a levar unha moción de urxencia ao pleno que se celebrará este próximo luns, 23 de marzo, para solicitar que o Goberno de Mariano Rajoy non poña en marcha o Regulamento co que se activaría esta nova lei.