Sirio e Medio Ambiente Natural colaboran para observar o eclipse de mañá

90

A Concellaría de Medio Ambiente Natural organiza distintas actividades con motivo do eclipse de sol que está previsto para mañá, 20 de marzo, entre as 09.00 e as 11.00 horas, en colaboración coa Asociación Astronómica Sirio.

Conferencia para esta tarde

 Esta tarde, a partir das 20.30 horas, os membros de Sirio impartirán unha conferencia participativa na que explicarán que é un eclipse, os diferentes tipos, recomendacións para velos, entre outras indicacións para a xornada de mañá.

A conferencia será na Casa das Campás e a entrada é de balde até completar aforo.

Observatorio dende a Ferraría

Na xornada de mañá, na praza da Ferraría, a Asociación Sirio instalarán telescopios para ver o eclipse. Tamén montarán unha pantalla para as persoas que non queiran ou non poidan ver o eclipse directamente, xa que retransmitirá a imaxe que se pode ver dende o telescopio.

Ademais repartirán gafas entre as persoas que o desexen para poder ver o eclipse. Solicitarán unha fianza para que lles sexan devoltas, o si queren poden quedar con elas a cambio desa fianza.