O Concello inicia traballos de reordenación e mellora na Casa da Cultura de Estribela

103

O Concello de Pontevedra iniciará en breve a reordenación da Casa da Cultura de Estribela, situada na praza de Marqués de Valterra, enriba do Mercado. O concelleiro delegado da parroquia de Lourizán, Demetrio Gómez manterá unha reunión o vindeiro martes, 24 de marzo, coas asociacións e entidades que empregan habitualmente esta sede para acordar entre todos o momento idóneo para iniciar as obras, dado que algunhas das asociacións manteñen actividades neste momento no local.

A reforma que acometerá o Concello pretende dotar de máis versatilidade aos espazos da Casa da Cultura. Deste xeito dividirase o salón de actos -que é moi espacioso- para crear despachos e aulas, retirarase unha barra de bar instalada no local, tamén se insonorizarán as zonas das neveiras do piso inferior, entre outras obras.

A Casa da Cultura de Estribela é a primeira que puxo en marcha o actual alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, cando chegou á Alcaldía no ano 1999, polo que as dependencias, que teñen moito uso veciñal, xa precisaban unha renovación e tamén unha reordenación dos espazos para dar saída a novas actividades e usos que se desenvolven na Casa na actualidade.