A exposición Bravú XX chega á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

159

A exposición “Bravú XX. Tanta paixón quen poderá detela!” segue o seu percorrido por diferentes centros de ensino e institucións e chega á Universidade de Vigo, en concreto, á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra. Poderá visitarse na entrada desta facultade desde o 23 de marzo ao 13 de abril. Hoxe, ás 12.30 horas, contarán cunha visita guiada pola mostra con Xurxo Souto, comisario da exposición e protagonista do nacemento e da evolución do movemento bravú quen, a seguir, ofrecerá unha conferencia sobre os inicios deste movemento no salón de graos da facultade.

            Bravú XX está organizada polo Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, para celebrar os 20 anos do nacemento deste movemento cultural que transcendeu o eido da música e abrangueu diversas expresións culturais, conseguindo que a lingua galega fose a canle común de creación para chegar a cada recuncho da nosa terra e aínda traspasar fronteiras.

            Esta é unha versión itinerante da grande mostra que visitaron máis de 4000 persoas o ano pasado no Pazo da Cultura, desde o mes de novembro ata o Culturgal. A mostra orixinal contaba con discos, CD, camisolas, chapas, carteis, paneis informativos e instrumentos musicais… sendo a primeira exposición de lonas de gran formato do rock galego. Para a itinerancia houbo que prescindir dalgúns destes elementos, pero a esencia e a historia do movemento Bravú están perfectamente reflectidos en 8 paneis temáticos:

  • Panel 1: Tanta paixón quen poderá detela! “Nos 90 as guitarras eléctricas chegan á aldea”
  • Panel 2: Smells like wild spirit .“Cheira como a caña brava” (José Colmeiro, Michigan StateUniversity) “Na antítese do concepto de Morriña está o bravú” (Miguel Anxo Murado, “OutraIdea de Galicia”)
  • Panel 3: Entre o urbán e o glocal (José Colmeiro). “O único xeito de chegar a ser realmente cidadán do mundo, é comezar por coñecer esa parte do mundo na que habitas”
  • Panel 4: Bravú, a revista que sae cando a situación o require
  • Panel 5: Que gusto é dar gusto a quen gusto sabe dar. “Nesta terra de mulleres que sementan berberechos na ribeira e patacas na eira” ( As Garotas da Ribeira)
  • Panel 6: Sesión bravú “Somos festivaleir@s”. “Eu fun á feira de San Sadurniño, canseimede viño, de rir e troular” (O Cuco de Velle)
  • Panel 7: Andar polo mundo que bonito é!. “Desta aventura sairán cousas con vida propia” (Manu Chao)
  • Panel 8: E de remate…que continúe! (Alexandre de Fisterra, inventor de futbolín)
    e tamén…
  • un “tendal bravú” con 8 camisetas da época e textos con achegas dos grupos

            Con esta mostra os estudantes comprenderán mellor o movemento bravú e a súa importancia para a lingua e cultura galega. “A noite de Santos de 1994, nunha taberna de Viana, Chantada, naceu o bravú. Unha etiqueta creada polos propios músicos que serviu para bautizar o rock cantado en galego, magma vizoso que entón estaba a agromar por todo o país. Vinte anos despois cómpre lembrar o comezo desta aventura. Unha referencia cultural e unha proposta de traballo colectivo que as persoas máis novas teñen dereito a coñecer. O bravú comezou sendo guitarra e distorsión, mais axiña estendeu o seu berro de vida por outros camiños. Nesta exposición queremos recoller ese proxecto de axitación xeral, alicerce dunha tradición, e tamén impulso creativo para os novos tempos” (Xurxo Souto).