Comezan os obradoiros para docentes do XVI Salón do Libro de Pontevedra

111

O XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra recuperou hoxe, e ata o venres, 27 de marzo, os seus obradoiros exclusivos para docentes coas propostas ‘Animamos a lectura’, ‘Ciencia nos contos’ e ‘Arte e ciencia: unha relación bidireccional’. Os seminarios teñen lugar no Pazo da Cultura de 18:30 a 20:30 horas e contan coa colaboración do Centro de Formación de Profesorado de Pontevedra, Cefore.

O director de animación Ze Carlos Pinto, de OQO Filmes, está a cargo do obradoiro ‘Animamos a lectura’, que está pensado para achegar aos profesionais da ensinanza os coñecementos necesarios para a creación dunha curtametraxe en stop-motion.

O seminario é útil para a iniciación á animación da lectura a través do medio audiovisual que levará ao desenvolvemento de un mini-proxecto, dende a idea inicial ata a posprodución pasando pola creación dos personaxes e os escenarios.

A delegación de Galicia do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e a editora pontevedresa OQO, a través de Luisa Martínez e Eva Mejuto, respectivamente, están detrás do obradoiro ‘Ciencia nos contos’, no que os docentes participan en actividades experimentais sinxelas que lles servirán para achegar a ciencia ao alumnado dende unha perspectiva crítica. No curso trabállase con contos de tradición oral á vez que se ofrecen aplicacións científicas que axudarán aos rapaces a entender os fenómenos que teñen lugar na vida diaria.

Pola súa banda, a química e divulgadora científica Deborah García Bello encárgase do obradoiro ‘Arte e ciencia: unha relación bidireccional’, que fai un percorrido pola Historia da Arte e a súa relación cos diferentes avances científicos.

Centrándose nos seus coñecementos químicos, García Bello abordará a autores recoñecidos como Malevic, Mondrian, Klein, Juan Muñoz e Chema Madoz, entre outros. Así, os asistentes poderán coñecer o segredo da perdurabilidade das primeiras obras de arte e os distintos tipos de pintura utilizados ao longo do tempo, como o carbón, o aceite de liñaza ou a clara de ovo, así como a innovación aportada por artistas como Klein, que, a través dun grupo de farmacéuticos, creou o coñecido como ‘azul de Kelin’, logrado cun aglutinante que confería á pintura un aspecto de pigmento puro.