Tres actrices para oito personaxes na obra de teatro xestual: “¡Pan! ¡Pan! este venres no Salón

170

Tres actrices para dar vida a oito personaxes. Noelia Fernández, Areta Bolado e Ailén Kendelman son as protagonistas absolutas da obra de teatro ‘Pan! Pan!’, que A Panadaría interpretará este venres no Pazo da Cultura da man do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.

Será ás 21:00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura e as entradas, a 3 euros, xa están dispoñibles en Ataquilla.com. Se sobran na internet, poranse á venda as restantes na billeteira do propio Pazo dende unha hora antes de que teña lugar a función.

 “Gústanos actuar ante diferentes tipos de público. O Salón do Libro permítenos chegar ao familiar e esta é unha peza xestual adecuada para nenos a partir dos oito anos. O interesante é que segundo a idade vai ser interpretada dun ou doutro xeito. O que tratamos é de xogar con distintos niveis de humor”, asegura Noelia Fernández nunha visita previa ao Pazo da Cultura.

O máis orixinal de ‘Pan! Pan!’, e tamén o máis complicado para as súas intérpretes, é a súa posta en escena, “xa que só contamos cunha cinta e unha bandeira dos Estados Unidos”. “Todo o temos que facer nós, xa que tampouco hai música. Todos os sons son vocais: a guitarra, o banjo…”.

Ao tratarse dunha obra xestual, son as tres actrices as que o fan todo cos seus corpos, recrear os espazos e os ambientes, cinco en total, contando coa imaxinación do espectador.

‘Pan! Pan!’ leva en escena dende setembro de 2013, momento no que se estrou e xa ten tras de si un premio, o Xuventude Crea, do que se fixo merecedora pola súa orixinalidade.

Noelia Fernández afirma que a situación actual do teatro en xeral é complicada e que é difícil atopar lugares nos que actuar, aínda que recoñece que “ata o de agora tivemos sorte e, para estar comezando, non nos queixamos”.

Non é casualidade que A Panadaría, que naceu precisamente con ‘Pan! Pan!’, esté composta só por mulleres, incluso na parte técnica, senón que é “unha máxima da compañía”, confesa a actriz. As intérpretes coñecéronse cando estudaban na Escola Superior de Arte Dramático, “de feito íamos comezar facendo microteatro, pero unha cousa levou a outra… e aquí estamos con esta obra”.

Noelia Fernández anima ao público pontevedrés a que se achegue a gozar de ‘Pan! Pan!’ porque “o vai pasar moi ben; vanse rir porque é un espectáculo moi amable para o espectador, moi estimulante porque ten que imaxinar moito. Esa mestura das culturas galega e estadounidense dá moi bo resultado”.