As ditaduras portuguesa e franquista pechan mañá as III Xornadas “Represalidas e resistentes”

134

As III Xornadas ‘Represaliadas e resistentes’ rematan maña cunha sesión matinal na que participarán Paula Godinho, Aurora Rodrigues e Pilar Allegue.

A partir das 11.00 horas Paula Godinho falará na Casa das Campás sobre a ‘Propiedade privada da história e “memórias fracas”: a esquerda da esquerda e as revoltas da memória’. Godinho é antropóloga e profesora no Departamento de Antropoloxía da Faculdade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa, onde imparte disciplinas asociadas á antropoloxía sobre Portugal e Europa, a antropoloxía política, os usos da cultura e os movementos sociais e fronteiras. Conta con varias publicacións sobre memoria silenciada, memoria das clases baixas e represaliadas, así como traballos relacionados coa fronteira galego-portuguesa e a recuperación da memoria.

Na súa quenda, Aurora Rodrigues fará unha reflexión sobre ‘Memoria da represión e da resistencia na Ditadura portuguesa’, na que falará sobre as súas vivenzas como presa no final da República Corporativa, que durante 48 anos tivo ao país veciño baixo un réxime político autoritario. En maio de 1973, logo dunha reunión de alumnos na Cidade Universitaria, Aurora foi interrogada e suxeita á tortura do sono durante 450 horas, á tortura do afogamento, humillada durante máis de dous meses… Só tiña 21 anos.

Sobre as 12.15 horas, Pilar Allegue falará da ‘Memoria da represión e da resistencia na Ditadura franquista’, facendo un repaso á loita política dunha muller durante os últimos anos dunha ditadura. Ao remate desta conferencia haberá un coloquio.

A entrada ás xornadas é de balde e non preciso inscrición previa.

Buzón da memoria

Como remate das III Xornadas ‘Represaliadas e resistentes’, ás 13.30 horas terá lugar unha visita á exposición ‘Do gris ao violeta’ e presentarase o ‘Buzón da memoria’ instalado na Praza da Ferrería, a carón da mostra. No acto estará presente o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, así como integrantes do consello asesor do programa ‘A Memoria das Mulleres’ e tamén representantes das asociacións que están a colaborar na recollida de fotografías e a localización de mulleres para entrevistar.

O buzón pretende ser un posto para a achega de documentos, datos e fotografías que permitan seguir ampliando o traballo do proxecto ‘A Memoria das Mulleres’. Levará a seguinte inscrición:

“Participa na recuperación da memoria das mulleres. Se queres colaborar na recuperación da historia das mulleres de Pontevedra con fotografías, documentos e información de interese, podes deixarnos aquí os teus datos. Estamos facendo entrevistas e biografías a mulleres da cidade e das parroquias que teñen moito que contar. Axúdanos a escribir esta fermosa historia… Moitas grazas!”