Abril, mes de concertos: Treixadura e Sés tocan en Pontevedra

305

O mes de abril chega con moito ritmo a Pontevedra. A recoñecida agrupación Treixadura ofrecerá un concerto no Pazo da Cultura o vindeiro 11 de abril (21:00 horas), co que celebrará o seu 25 aniversario de traxectoria artística. O evento servirá para presentar o seu novo disco, ‘Vendima tarda’, que resume a súa extensa carreira e inclúe algunhas pezas inéditas. Para esta ocasión tan especial a formación contará coa participación da coral Cantigas e Agarimos. As entradas, a 10 euros, xa están á venda na web www.ataquilla.com e no teléfono 902504500.

Treixadura naceu en 1990 co obxectivo de por en valor a música tradicional a través do canto e da gaita. Durante todos estes anos, o grupo foi modelando o seu camiño e transformando o seu estilo, rescatando pezas musicais do anonimato e creando outras tantas novas. Son 25 anos de gravacións e concertos, seis discos no mercado e unha variada gama de colaboracións discográficas.

Treixadura foi galardoada nos primeiros Premios Galegos da Música Martín Códax, entregados en decembro de 2013, como Mellor Grupo de Música Tradicional Galega.

Em 2014 recibiron a homenaxe da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística polo seu traballo.

‘Tronzar os valos’

O terceiro disco, ‘Tronzar os valos’, da cantautora galega Sés a levará ao Teatro Principal o 24 de abril (21:00 horas).

Despois do éxito de ‘Admirando a condición’ e ‘Co xenio destrozado’, este novo traballo confirma unha forma de cantar singular a través de doce temas nos que se potencia o rock, o ritmo e a mensaxe da canción latinoamericana.

Sés (A Coruña, 1983) comezou a súa formación no baile e na música tradicional galega. No ano 2007 creou o grupo Chámalle Xis!, que ofreceu concertos por toda Galicia.  En 2011 iniciou a súa carreira en solitario.

As entradas para o concerto, a partir de 15 euros, xa están á venda na web www.ataquilla.com e no teléfono 902504500.