O Concello aproba a contratación 664.161 euros en obras, inspeccións e apoios á música

142

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá un investimento de 664.161 euros con distintos fins: obras, inspeccións e apoio á música a través da sinatura dun convenio coa Banda de Música de Pontevedra. Sobre este punto, o orzamento é de 176.950 euros que ten como propósito a promoción da música e fomentar a formación musical, ademais da celebración de distintos concertos ao longo do ano como poden ser nas festas de verán, na Cabalgata de Reis, nas parroquias ou tamén nos barrios de Campolongo e Monte Porreiro.

Inspección dos padróns do IAE e do IBI

Na Xunta de Goberno tamén se acordou sacar a licitación a continuación da colaboración técnica e administrativa para a inspección do IAE. Será por un valor de 72.600 euros e por un prazo de 16 meses. Este será o segundo contrato que realiza o Concello para a supervisión do padrón do IAE e buscar a equidade impositiva entre as empresas.

Estes mesmos criterios son os que rexen o contrato para a supervisión do IBI que se aprobou esta mañá na Xunta de Goberno Local. Será un por valor de 72.600 euros e un prazo de 12 meses. Neste caso será o terceiro contrato que se asine para a depurar o padrón do IBI.

O portavoz do Goberno e concelleiro de Facenda, Raimundo González confía en que con estes dous contratos o Concello poida recadar arredor de 700.000 euros.

Reparación de humidades no Principal e mellora da estrada ao Regueiriño

Por último, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación de dúas obras. A primeira é o arranxo da fachada e do tellado do Teatro Principal para evitar humidades. Foi adxudicada á empresa Acevi S.L. por valor de 106.800.

A segunda adxudicación aprobada esta mañá foi a terceira fase da rehabilitación da estrada ao núcelo do Regueiriño, na parroquia de Lourizán. Foi adxudicada á empresa E.C.Casas por un valor de 235.211 euros. Esta empresa ofertou melloras como tres lombos, incrementar o espesor do asfalto ou repoñer toda a sinalización horizontal da estrada. Con esta terceira fase, a mellora da estrada ao Regueiriño supera os 600.000 euros de investimento.