Obras de accesibilidade e seguranza viaria nas rúas Peregrina e San Amaro

116

A Concellaría de Obras Urbanas inicia mañá dúas obras de mellora da accesibilidade e da seguranza viaria en dúas rúas da cidade: Peregrina e San Amaro.

Os traballos de accesibilidade na rúa Peregrina son a supresión da zona axardinada entre Daniel de la Sota e a fonte dos nenos, para ampliar a zona de paso deste trazado peonil.

Mantéñense os xardíns que están entre Daniel de la Sota e Andrés Muruais, incluíndo o grande central da rúa Peregrina (fronte ao edificio acristalado).

Tamén se manteñen todas as árbores xa que o que está previsto é eliminar o céspede que será substituído por alcorques de protección duns 120 cm e por baldosa similar á existente.

O orzamento da actuación é de 15.242 euros.

Obras na rúa San Amaro

A actuación de accesibilidade e mellora da seguranza viaria nas rúas San Amaro e Xoán Carlos I ten un orzamento de 52.901 euros.

Instalaranse dous novos pasos de peóns elevados en Xoán Carlos I, entre a rotonda de San Amaro e a da avenida de Lugo. Desprázase para máis preto da rotonda o existente, e constrúese un novo na metade da rúa. Ademais de mellorar a accesibiidade, o obxectivo é mellorar a seguranza viaria mediante o calmado do tráfico.

Tamén está prevista a reforma do paso de peóns da rúa San Amaro, entre a panadería Acuña e rúa da Estrada, que se elevará.

O proxecto complétase coa ampliación de beirarrúas e mellora da accesibilidade na rúa San Amaro, desde a rotonda de intersección con Xoan Carlos I cara arriba (dirección cemiterio, pola man dereita). Actualmente as beirarruas son moi estreitas e non permiten o paso de cadeiras de rodas, carros de bebé… Tamén se vai mellorar o pavimento de asfalto nesta zona.

Os traballos comezarán nas beirarrúas, polo que de momento non haberá afeccións no tráfico.