O terceiro Plan de Emprego municipal, con 170 novas prazas, abre o seu prazo de inscrición

352

Un total de 170 persoas poderán beneficiarse do terceiro Plan de Emprego da Concellería de Promoción Económica do Concello de Pontevedra. A convocatoria oficial apareceu hoxe publicada no boletín PonteEmprego.
O departamento que dirixe a concelleira Carlota Román oferta prácticas en empresas durante un período de tres meses, cunha xornada de catro horas (de mañá ou tarde) e cunha percepción de 375 euros brutos ao mes. As becas non supoñen relación laboral nin co Concello, nin coas empresas.
As persoas interesadas teñen de prazo ata o mércores, día 15, deste mes de abril para solicitar a súa inclusión no Plan diante do Servizo Público de Emprego (oficina do paro) da rúa de Eduardo Pondal. Deberán cubrir a solicitude e achegar fotocopia do cumprimento dos requisitos mínimos contemplados nas bases.
Poderán elixir un máximo de dúas opcións do catálogo de prazas dispoñibles entre as empresas participantes no Pacto Local polo Emprego. Os técnicos municipais farán a selección final das persoas remitidas polas oficinas de Emprego en base ao baremo de puntuación aprobado e a unha entrevista persoal.
Carlota Román lembra que todas as persoas interesadas deben estar inscritas como demandantes de emprego e empadroadas en Pontevedra. Na selección darase preferencia aos menores de 30 anos, aos maiores de 50, ás mulleres e aos colectivos especiais en materia laboral, aos que busquen o seu primeiro emprego ou teñan menos dun ano de cotización, así como aos desempregados de longa duración.
A relación de postos ofertados é a seguinte: 30 administrativos/auxiliares administrativos, 15 cociñeiros/as, 15 dependentes/as, 12 camareiros/as, 10 limpadores/as, 10 mozos/as de almacén, 8 mecánicos/as, 6 “community manager”, 5 monitores de tempo libre, 4 camareiros/as de pisos para hoteis, seis comerciais, tres educadores infantís, dous deseñadores/as gráficos, dous hixienistas dentais, dous monitores/as deportivos, dous oficiais de salón de peiteado, dous operarios/as de lavandería, dous perruqueiros/as, dous traballadores para obradoiro de pan, dous repartidores/as, dous técnicos en cociña e gastronomía, dous técnicos en servizos de restauración, un auxiliar de clínica, un auxiliar técnico de Orientación laboral, un carpinteiro metálico, un caixeiro/a-repoñedor/a, un electricista, un fotógrafo/a-deseñador/a gráfico, un operario forestal ou xardiñeiro/a, un operario/a de máquina de imprenta e un rotulista.
A dotación económica deste novo Plan de Emprego ascende a 200.000 euros e o obxectivo é que as prácticas ao longo do mes de maio.
Carlota Román destacou que a selección resulta totalmente imparcial e “coa mesma porta de entrada para todo o mundo”. As bases introducen como requisito que as empresas participantes non poden ter despedido a ninguén en postos equivalentes tres meses antes ou durante a prestación do servizo.
Os tres Plans de Emprego municipal desenvolvidos durante este mandato municipal chegaron a 428 persoas (incluíndo esta nova convocatoria). O investimento total suma os 500.000 euros. O índice de inserción das dúas primeiras edicións alcanzou o 40%.