Construción dun muro de contención no paseo do Lérez, antes da praia fluvial

194

O Concello de Pontevedra iniciará nestes días distintos traballos de reparación de mantemento en distintos puntos da cidade, pero de especial relevancia para a seguridade dos peóns.

  • O primeiro dos traballos é a construción dun muro de contención no paseo peonil do río Lérez, entre o fin do carril-bici e a praia fluvial. Trátase dun afundimento do terreo, coñecido dende hai un tempo, pero que se viu agravado nas últimas semanas. Farase un muro de contención de 60 metros lonxitude e terá unha altura de 1,5 metros de alto. Farase en granito silvestre moreno para que no desentoe co entorno. Aproveitando esta actuación tamén se fará un arranxo e pavimentación deste tramo que é moi transitado. Tamén se instalará unha varanda de madeira de 80 metros de longo para mellorar a seguridade da zona. O orzamento total é de 50.000 euros.
  • Acondicionarase o estacionamento do antigo mercado provisional, un traballo que se soe facer nesta época, logo do inverno. Son traballos de nivelación e achega de xabre para eliminar fochancas. Segundo explicou o concelleiro de obras, Luís Bará, non se poden facer traballos de entidade como a canalización de augas pluviais e asfaltado, porque é un terreo propiedade de Costas. O orzamento desta actuación é de 40.242 euros.
  • A terceira das accións é o acondicionamento dunha parcela municipal, destinada a equipamento educativo, é de 3.500 metros cadrados como estacionamento provisional. Segundo explicou Luís Bará é preciso a explanación e pavimentación, así como o asfaltado da parcela. Trátase dunha necesidade reclamada polos veciños do lugar dada a importante poboación que existe no lugar.