O programa ILES pecha a súa andaina formando a outros 15 parados pontevedreses

113

O programa de formación e inserción laboral ILES, que impulsou a Concellería de Promoción Económica durante este mandato, comezou hoxe a recta final coa estrea dun itinerario de “Atención á Infancia”, no que están a participar outros 15 parados pontevedreses.
A concelleira Carlota Román explicou que remata así un programa polo que terán pasado 330 persoas ao longo dos case catro anos, cun índice de inserción laboral en torno ao 50%. Un exemplo do traballo que pode facer un concello para loitar contra a lacra do desemprego, afirmou a responsable municipal diante dos participantes.
Carlota Román destacou o traballo intenso do equipo técnico do ILES. Na súa visita animou aos beneficiarios (14 mulleres e un home) a aproveitar ao máximo un itinerario profesionalizado, enmarcado nun programa que deu visibles froitos, gracias á calidade da formación teórica e á selección das empresas nas que se realizan as prácticas.
A concelleira de Promoción Económica considera que outra clave do éxito do programa municipal ILES está nunha rigorosa busca dos perfís máis axeitados, na calidade da formación e no acento nas prácticas. “Buscamos xente motivada para formala e empresas responsables nas que podan completar a súa aprendizaxe e, se é posible, quedar a traballar”, explicou.
Os participantes, que perciben unha beca de 15 euros ao día, foron seleccionados a partir da listaxe remitida pola oficina do paro (Servizo Galego de Colocación) e, a continuación, foron avaliados polo equipo do ILES. O itinerario que agora comeza abrangue 365 horas das que a parte teórica desenvolverase en horario de mañá e as prácticas en horario de mañá ou tarde en función das necesidades das empresas colaboradoras.
O orzamento total investido durante os tres anos e medio de ILES alcanza os 1.579.419 euros. O 80% do programa está financiado polo Fondo Social Europeo e ao Concello correspondeulle unha achega do 20% restante.