O alcalde mantén unha reunión coas asociacións instaladas no novo Centro Sur

211

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta mañá unha reunión coas xuntas directivas das asociacións xa instaladas no novo Centro Sur, a antiga residencia da Once, situada no barrio de Campolongo. Acompañado dos concelleiros Carmen Fouces e Demetrio Gómez, mantiveron  un encontro para coñecer as impresións das asociacións, ver se atopaban deficiencias ou falta de material, e transmitir as súas impresións que en xeral resultaron ser moi boas.

No Centro Sur teñen sede o IGADI, o Fondo Galego de Cooperación, Amigos de Campolongo, as asociacións de veciños Estrigueiras e Salcedo Norte, a Sociedade galega de Antropoloxía, a Polifónica. E tamén emprega os espazos comúns o Coro do centro da terceira idade que non tiña onde ensaiar.

Moitos destes colectivos non tiñan local e outros estaban de prestado en instalacións moito máis precarias. Na actualidade dispoñen de dúas plantas no Centro Sur, que ademais ten á súa disposición tres espazos comúns onde facer charlas, cursos,… e totalmente equipados con canóns de vídeos, mobiliario…

O Concello mantén a titularidade do edificio pero cede o uso a estas asociacións de veciño, como vén sendo práctica común ao respecto de todos os locais sociais que habilita en distintos barrios e parroquias do concello.

Sobre o resto de plantas do edificio, está destinado para asociacións vinculadas ao eido da discapacidade pero que precisan unha cesión máis formal que a das asociacións de veciños. Son entidades que van facer uso destas plantas doutro xeito (algunhas serán residencias) polo que precisan facer obras, e para iso o Concello terá que facer unha cesión de uso baixo un acordo legal que lle permita, ademais, solicitar subvencións e axudas ante outras administracións e entidades.

O Concello traballa na actualidade en darlle un paraugas legal a esta cesión, xa que sempre manterá a titularidade do edificio, e ao tempo traballa da man da Once para que remate a tramitación pendente do convenio urbanístico polo que o Concello se fixo propietario deste edificio.

O Concello estima que toda a tramitación poderá estar resolta antes de final de ano.