O Conservatorio pon en marcha os Concertos didácticos e o Conservatorio na rúa

185

A Concellaría de Cultura e o Conservatorio de Música presentaron esta mañá a programación dos Concertos didácticos e o programa O conservatorio na rúa que se desenvolverán ao longo dos meses de abril e de maio.

Os Concertos didácticos xa levan catro anos realizándose e son concertos pensados para a comunidade escolar do concello. Durante hoxe, mañá e pasado mañá, en sesións de matutinas, arredor de 200 escolares do concello e Marín asisten a concertos nos que se representa unha obra de teatro de títeres e a música é o profesorado e alumnado do conservatorio.

Participan nestes concertos o Sagrado Corazón, Barcelos, San Bieito, Álvarez Limeses, Marcos da Portela, Manuel Vidal Portela e a Inmaculada de Marín.

O conservatorio na rúa

Ademais, xa está en marcha a programación de O conservatorio na rúa que comezou o pasado 15 de abril cunha actuación da Banda I e Banda II na praza do Teucro, e terá continuidade este venres, 24 de abril, tamén na praza do Teucro, coas actuacións da ensemble de frautas e o coro II.

Este programa chegará ao seu fin o xoves, 14 de maio, cun concerto no claustro da Facultade de Belas Artes no que actuarán o Coro II, o Coro Infantil “Luís García Limeses”, a Orquestra I e a Orquestra II.