O Pazo da Cultura festexa o Día do Libro cun acto de agradecemento aos centros colaboradores do Salón do Libro e a inauguración de “Laranxeiras e limoeiros”

150

O Pazo da Cultura  festexará mañá o Día do Libro con diferentes actos. En primeiro lugar e tal e como se fixera o pasado ano, o 23 de abril será a data escollida para agradecer aos centros escolares, e especialmente ao seu profesorado, os traballos presentados no Salón do Libro, sen os que este proxecto non tería sentido. Será ás 18:30 horas na Sala de Exposicións cando se faga entrega dun diploma para cada centro e un pequeno agasallo para que lembren o seu paso por “Da ciencia á ficción”. Para rematar, terá lugar o contacontos para adultos “Entre liñas” de Raquel Queizás.

Logo desta homenaxe, ás 20 horas, coa presencia de Victor F.Freixanes, Ana Acuña e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro Portela, terá lugar a inuguración da mostra “Pontevedra. Laranxeiras e limoeiros”. A exposición, que permanecerá visitable ata o 31 de maio, está vinculada ao libro do mesmo título recentemente presentado póla Editorial Galaxia. Un volume que reúne os textos que 19 autores e autoras contemporáneas tales coma Fina Casalderrey, Miguel Anxo Fernández, Victor, Freixanes, Luis Rei, etc, lle adican á cidade, acompañados polas imaxes da novísima fotógrafa pontevedresa Noel Queipo.

 Outras exposicións

A mostra “Barriga Verde. De feira en feira” permanece instalada na Sala de Exposicións. Un percorrido polas barracas de feira mergulla ao visitante polo mundo onde naceu o derradeiro monicreque tradicional galego, atracción de todas as festas ata a década de 1960. Vinculadas a esta mostra terán lugar diversas actividades coma o obradoiro familiar que terá lugar o 9 de maio de 17:30 a 19:30h. para nenos/as maiores de 6 anos acompañados por unha persoa adulta. Inscricións no Pazo en horario de 9 a 14 horas en www.pazodacultura.org