Seis institutos disputan este domingo en Carballo a final galega do Club de Debate

145

Por cuarto ano consecutivo, diversos concellos galegos, a través dos seus servizos de normalización lingüística (SNL), puxeron en marcha o Club de Debate, un programa co que se incentiva e valora o falar en público, a oratoria, o uso do galego oral ou o pensamento crítico. Os concellos que organizan esta cuarta edición conxunta son nove: Ames, O Carballiño, Carballo, Ferrol, Negreira, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo.

E despois de todo un curso de preparación e de diferentes fases de zona en que 23 equipos debateron sobre diferentes temas (se todos e todas somos iguais ante a lei; se vivimos nun sistema corrupto ou se a industria cultural galega conecta axeitadamente coa sociedade), chega a final galega, á que accederon os seis equipos clasificados das fases anteriores: CPI Os Dices, de Rois; IES Luís Seoane, de Pontevedra; IES N.º 1, do Carballiño; IES Macías o Namorado, de Padrón; IES Xulián Magariños, de Negreira; e IES Isidro Parga Pondal, de Carballo. Os rapaces e rapazas participantes neste actividade son de 3.º e 4.º de ESO e de 1.º de Bacharelato.

Esta final galega terá lugar este domingo, día 26 de abril, no Pazo da Cultura de Carballo, a partir das 10.30 h. Ao longo do día disputaranse seis debates, todos abertos ao público e, en cada un deles, un equipo defenderá a postura a favor e o outro a postura en contra, sempre sobre o mesmo tema: “Herdamos o galego, temos que transmitilo”.

De cada debate, o xurado, composto por xornalistas, lingüistas e docentes, emitirá unha puntuación coa que se conforma a clasificación final. O equipo mellor puntuado recibirá como premio unha viaxe multiaventura para 20 persoas dunha fin de semana a Portugal. Nesta viaxe terán ocasión, entre outras cousas, de achegarse ao patrimonio lingüístico a través de actividades lúdicas nas que o idioma terá un papel fundamental, en coherencia co obxectivo principal do proxecto, que é promover o uso da lingua oral nos contextos formais e informais. Os equipos que chegaron a esta final xa recibiron, ademais, como clasificados das fases de zona, premios de 500 € e 300 € en material cultural en galego.

A entrega de premios está prevista para as 19.30 h no propio Pazo da Cultura de Carballo e nela participará, igual que na benvida (10.30 h), o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e diversos/as responsables políticos/as dos outros concellos participantes.