Pontevedra acolle a I edición da Feira da Cervexa Artesá “Pontus Lupulus”

488

A cervexa artesá galega é a protagonista da feira “Pontus Lupulus”, que chega a Pontevedra durante a fin de semana do venres, 8 de maio, ao domingo, 10 de maio. Un total de 10 produtores estarán presentes nesta primeira edición, que chega coa organización da Concellería de Promoción Económica e Turismo.
A responsable municipal, Carlota Román, presentou hoxe evento acompañada de Eneko Abad Otazua (Cervexas Faxilda) e Andrés Granero (Cervexas Meiga). A feira abre as portas ás 13.00 horas do venres. As dúas xornadas seguintes a partir das 12 horas. Permanecerá aberta, cun amplo calendario de actividades ata a media noite.
Carlota Román subliñou que este novo evento ven reforzar a programación desenvolvida pola Concellería, que inclúe xa máis de 20 eventos ao ano. Esta feira está organizada ao redor dunha montaxe lixeira a base de cubos de madeira. Neles venderán o seu produto 10 cervexeiros galegos que ofrecerán unhas 30 referencias distintas en caña e botella.
O público poderá gozar tamén dunha oferta gastronómica a cargo das firmas As Galeguesas (hamburguesas), Ecogloria, A Tenda dá Gata, Secreto Galaico e Aperta de Illas Cíes. “Pontus Lupulus” ofrecerá tamén dous showcookings (ás 12,30 horas de sábado e domingo) de pratos cociñados con cervexa. O sábado hai un obradoiro de elaboración de cervexa e o domingo outro de pan, ambos ás 17.30 horas. Finalmente, ofrécense concertos e actividades musicais.
En canto aos prezos partirán de dous euros a caña e irán oscilando en función do custo de produción de cada variedade, especialmente, na cervexa embotellada.
Carlota Román subliñou que o fío condutor de todas as actuacións da Concellería é a aposta polos emprendedores e a busca de novos nichos de negocio. Os cervexeiros artesáns galegos encaixan perfectamente neste perfil. Son xente nova que busca o seu futuro e pon paixón no traballo. A concelleira destacou tamén a aposta polo produto local e a calidade que supón a cervexa artesá. A calidade do produto é fundamental para crear imaxe turística e gastronómica. Neste senso, apuntou que a gastronomía é unha das principais razóns que teñen os turistas para vir a Galicia.
Eneko Abad puxo a énfase no carácter artesanal da cervexa que se poderá degustar en Pontevedra. Engadiu ao dito pola concelleira que afrontan un esforzo diario para consolidar os seus produtos, polo que desexou que os hostaleiros vaian confiando progresivamente neles. Agradeceu a celebración desta primeira edición de “Pontus Lupulus” e anticipou que, se ten continuidade, esforzaranse por traer cervexeiros doutras partes de España e mesmo do estranxeiro.
Os cervexeiros que participarán son: Faxilda (Vilaboa), Meiga (Poio), Saramagal (Barro), Galponbier (Vilanova de Arousa), Menduíña (Cangas), Suevia (Vilagarcía de Arousa), Nos (Mos), Keltius (Ourense), Áncora (Ourense) e Santo Cristo (Ourense).