O Maratón Fotográfico “Imaxes de Primavera” xa ten gañadores

185

A primeira edición do Maratón Fotográfico “Imaxes de Primavera” xa ten gañadores en tódalas súas categorías. Manuel Bazarra e a súa fotografía da contorna do río Lérez foi elixido polo xurado coma a imaxe gañadora do certame pola súa orixinalidade, calidade e composición.

Acompáñanno como premiados Sara Cernadas na categoría Pazo da Cultura, Rocío Castro coa súa imaxe da Illa do Covo e Helena Constela na categoría “O río Lérez e a súa contorna”. O xurado, presidido polo fotógrafo pontevedrés Miguel Vidal e formado polos fotógrafos Jorge Lens e Amaia Arruti; a arquitecta María Pierres e a xornalista Lorena Seijo, destacou a calidade dos traballos presentados e animou a continuar con esta iniciativa que ten como obxectivo por en valor destes espazos da cidade nos que se ten traballado nos últimos anos para a súa mellora.

Pola súa banda, Sergio Sueiro foi elixido gañador do premio de público coa súa fotografía da temática “Río Lérez”. A selección realizouse mediante unha votación popular no perfil de facebook do Pazo da Cultura, acadando un total de 210 votos.

Respondendo ao obxectivo mesmo obxectivo de dinamización e de coñecemento da cidade do que parte o evento, os premios concedidos van na mesma liña, consistindo en diversas experiencias en varios establecementos situados en Pontevedra. Manuel Bazarra, como gañador absoluto, desfrutará dunha estancia no Hotel Rural Campaniola para dúas persoas e réxime de todo incluído. Pola súa banda, os gañadores das categorías “Río Lérez e a súa contorna” “Illa do Covo” e “Pazo da Cultura” recibirán como premio unha cea para dúas persoas no restaurante Loaira, así como un bono no Spa Urbano “Spabilate”. O gañador do premio do público poderá desfrutar dun circuíto relax completo nas mesmas instalacións.

Tódalas fotografías que participaron nesta primeira edición formarán parte dunha mostra final, que se desenvolverá proximamente na zona da rúa Rosalía de Castro e na que se procederá á entrega dos premios.