A exposición “Do gris ao violeta” amplíase até finais de maio pola demanda escolar

246

Despois de recibir a visita de máis de 400 alumnas e alumnos de sete centros escolares de Pontevedra, a mostra ‘Do gris ao violeta. Achegas á historia das mulleres de Pontevedra’ seguirá na Praza da Ferrería durante o mes de maio para recibir a visita de varios centros que non puideron facelo no mes de abril.

A concellaría de Patrimonio Histórico, que dirixe Luís Bará, tamén prevé organizar visitas guiadas abertas ao público e charlas nos centros escolares que visiten a mostra. O obxectivo principal das visitas escolares e das charlas é, ademais de coñecer os contidos da mostra, animar ao alumnado e profesorado a que participen na recollida de documentación (textos e imaxes) sobre a historia das mulleres de Pontevedra.

A mostra

A exposición ‘Do gris ao violeta’, que dende principios do mes de marzo se pode ver na Praza da Ferrería, pretende ser o primeiro paso dun percorrido que permita ver a cidade en feminino. Pontevedra non sería quen é sen as mulleres que a habitaron ao longo dos séculos e esta exposición pretende darlle visibilidade a algunhas delas como homenaxe a todas. Mulleres de distintos perfís, de distintos pensamentos e condicións sociais. Pioneiras e intelectuais que deron un paso adiante nun mundo de homes. Traballadoras que camiñaron á par deles para construír a súa vida. Resistentes que saíron adiante cando a barbarie deixou aos seus compañeiros atrás.

‘Do gris ao violeta’ é unha mostra composta por seis apartados. Neles recóllense as distintas fases da vida dunha muller e a loita do sexo feminino por encher as aulas. Homenaxéase ás pioneiras, mulleres adiantadas ao seu tempo en distintos ámbitos da sociedade pontevedresa, e a todas as traballadoras que coas súas mans construíron unha vida deixando atrás o tempo dos soños.

A mostra lembra os efectos que sobre todas as mulleres tivo a cruenta represión nacida do 36 e rescata os rostros dalgunhas das vítimas que máis directamente padeceron a barbarie fascista. ‘Do gris ao violeta’ tece fíos na liña do tempo para destacar o papel xogado ao longo da historia polas mulleres de Pontevedra, donas de seu, e ponlle rostro a dezaseis delas, en representación das miles de biografías perdidas xa para o recordo.

Buzón da memoria

A exposición ‘Do gris ao violeta’ conta tamén cun buzón para a recollida de propostas de cara a ampliar os contidos do programa ‘A memoria das mulleres’ a través de imaxes, documentos ou suxestións de persoas que poidan ser interesantes para ser entrevistadas. No buzón pódese depositar información e un contacto, pero non é para deixar documentos ou fotografías orixinais.

Libro ‘Do gris ao violeta’

Como broche final á exposición, presentarase o libro Do gris ao violeta, que recolle dez artigos sobre diversos aspectos da historia e as mulleres de Pontevedra. Ademais dos textos introductorios do alcalde de Pontevedra e da concelleira Carmen Fouces, o libro conta cos seguintes artigos:

  1. María Xesús López Escudeiro: ‘Pioneiras, heterodoxas e rebeldes’.
  2. Carme Vidal: ‘Artistas, músicas e escritoras. As creadoras con nomes propios’.
  3. María Victoria Martíns Rodríguez: ‘Muller e educación’.
  4. Xosé Álvarez: ‘Sobrevivintes. A represión sobre as mulleres de Pontevedra’.
  5. Montse Fajardo: ‘A memoria presa e liberada’.
  6. Ana Cabana Iglesia: ‘Mulleres diante. A protesta social contra o pago da cota das Hermandades Sindicais de Labradores e Gandeiros na provincia de Pontevedra dende a perspectiva de xénero’.
  7. Mario Gallego: ‘As palilleiras pontevedras’.
  8. Ramón Rozas: ‘A vida dende un mostrador’.
  9. María Abelleira Fontán: ‘Traballadoras: termando da terra, do ceo e do mar’.
  10. Ana Acuña: ‘As prostitutas da Moureira vistas por Sabino Torres’.