Comezan as obras para crear unha bolsa de estacionamento próxima á avenida de Vigo

169

O Concello de Pontevedra iniciou este luns as obras do estacionamento próximo ao IES Torrente Ballester, na avenida de Vigo. Os traballos iniciáronse coa explanación do terreo e rematarán co seu asfaltado que ten unha superficie duns 3.500 metros, e dará cabida a uns cen vehículos.

            Esta obra complementa a reforma que se está a realizar en todo ese ámbito coa creación do desdobramento da avenida de Vigo, e a reforma das rúas da Estación e tamén da propia avenida de Vigo. Ademais trátase dun compromiso do Goberno cos veciños da zona, nas múltiples xuntanzas que se teñen realizado no barrio.

            Rúa Peregrina

            Tamén remataron as obras da rúa Peregrina onde se suprimiu a zona axardinada entre Daniel de la Sota e a fonte dos nenos, o que permitiu ampliar a zona de paso dese trazado peonil.

            O resultado foi excelente dado que ademais de empregar a lousa da mesma tonalidade, tamén se instalaron uns alcorques redondos de pedra que realzaron a actuación, que tivo un orzamento total de 15.242 euros.

            Pintado de rúas

            Tamén na pasada semana comezou o pintado da sinalización horizontal de distintas rúas da cidade. Estes traballos quedaron temporalmente suspendidos polo mal tempo.

            O proxecto consiste na mellora da sinalización viaria de 30 rúas da cidade, seguindo o cinturón urbano: beiramar, a zona leste, a avenida da Estación, Fernández Ladreda, Manuel del Palacio e volvendo á beiramar.

            O custe desta actuación que executará a empresa API é 58.478,40 euros.

            Asfaltados

            Tamén está pendente do tempo o inicio de distintos asfaltados nas seguintes rúas da cidade:

  • Peregrina
  • Conde Bugallal
  • Domingo Fontán
  • Sagasta
  • Joaquín Costa
  • Filgueira Valverde
  • Xoán Carlos I
  • Portugal
  • A subida aos Areás

            O orzamento desta actuación que realizará a empresa Covsa é de 60.250,86 euros.

            Muro de contención na praia fluvial

            Tamén pendente do tempo está a construción dun muro de contención no paseo peonil do río Lérez, entre o fin do carril-bici e a praia fluvial. Trátase dun afundimento do terreo, coñecido dende hai un tempo, pero que se viu agravado nas últimas semanas.

            Farase un muro de contención de 60 metros lonxitude e terá unha altura de 1,5 metros de alto. Empregarase granito silvestre moreno (semellante ao do desdobramento da avenida de Vigo) para que no desentoe co entorno.

            Aproveitando esta actuación tamén se fará un arranxo e pavimentación deste tramo que é moi transitado. Tamén se instalará unha varanda de madeira de 80 metros de longo para mellorar a seguridade da zona.

            O orzamento total é de 50.000 euros.

            Estacionamento do mercado provisional

            E si o tempo o permite, o vindeiro luns, 11 de maio está previsto que se inicien os traballos para acondicionar o estacionamento do antigo mercado provisional, un traballo que se soe facer nesta época, logo do inverno. Son traballos de nivelación e achega de xabre para eliminar fochancas.

            Segundo explicou o concelleiro de obras, Luís Bará, non se poden facer traballos de entidade como a canalización de augas pluviais e asfaltado, porque é un terreo propiedade de Costas.

            O orzamento desta actuación é de 40.242 euros.