Lores pon unha pica en Bloomberg

267

A directora da Fundación Bloomberg, Linda Gibbs, que fora man dereita do alcalde neoyorkino, recibiu esta mañá á delegación pontevedresa desprazada a esta cidade para recoller o Premio Excelence do Centro para o Deseño Activo. Os responsables desta entidade fixeron de anfitrións durante a mañá nun percorrido por algúns lugares onde o Concello dirixido por Bloomberg fixo algunhas pequenas conversións de espazos rodados en lugares dedicados ás persoas.

            A xuntanza con Gibbs e o seu equipo celebrouse na sede de Bloomberg Associates e prolongouse durante unha hora, na que preguntaron moitísimos detalles do proceso peonalizador da capital lerezana, loubando as coincidencias conceptuais do que eles defenden co que aquí se fai: limitar a presenza de automóbiles nos espazos urbanos é o único xeito de facer cidades saudables e mellores.

            Gibbs e os seus colaboradores (David Burney e Clara Cezar de Andrade) atópanse actualmente abordando procesos de recuperación dos centros históricos de Río de Janeiro e Atenas, a través desta Fundación e de Bloomber Philantropics. Manifestaron a total coincidencia en que mellorar as cidades pasa por mellorar o seu espazo público co diñeiro de todos, para que tras esta acción, veña a iniciativa privada para restaurar edificios e crear actividade económica para o conxunto da cidade, mellor que subvencionar aos propietarios dos edificios.

            A participación cidadana apoiada nos sectores máis dinámicos da poboación é a resposta que deu Pontevedra aos normalmente difíciles procesos de peonalización, moi condicionados pola opinión pública e as presións dos condutores e empresarios.

            A parte de compartir a filosofía de base da transformación de Pontevedra como exemplo para moitas outras cidades, centráronse en que pode resultar un modelo moi válido para moitísimas urbes americanas de menos de 100.000 habitantes que teñen grandísimos problemas de tráfico que non dan resolto.

            Mostráronse igualmente satisfeitos con que os datos de poboación sexan positivos a raiz dos cambios, xa que Pontevedra medrou un 30% nos últimos 15 anos, en contraposición aos procesos que experimentan outras cidades que expulsan do centro ás persoas debido á escasa calidade de vida que ofrecen.

            No paseo previo por Broawday, á sombra da torre Flatiron (1903) o alcalde Lores e o enxeñeiro municipal Jesús Gómez Viñas comprobaron a fórmula que seguiron nalgúns lugares de NYC para recuperar algúns espazos para a vida peonil: planeaban unha obra e nunha noite realizaban a “invasión” dun antigo carril de circulación rodada, instalando quiosques con veladores, bolardeando a zona con macetas de flores ou bloques de granito. Así fóron convertindo pequenos espazos de Broawday en contornos máis vivibles, unha especie de illas no infernal panorama que presentan as rúas do centro desta cidade invadidos polo automóbil, reflexo de calquera cidade norteamericana de hoxendía.

 

Bo día, Gabinete de Comunicación