O Correlingua pecha a súa 15 edición este venres en Pontevedra

354

Máis de 1.600 rapaces e rapazas de Educación Infantil, Primaria e Secundaria participarán na 15ª edición do Correlingua que se celebrará en Pontevedra, baixo o lema: “Galego, a nosa creación común”.

            Participará alumnado dos centros educativos de Pontevedra: CEIP San Martiño, CEIP Plurilingüe Froebel, CEIP Manuel Vidal Portela, CEP Marcos da Portela, CEE Príncipe Felipe, CEP Campolongo, CEIP Príncipe Felipe, CEIP A xunqueira 2, CEIP Parada-Campañó e IES Frei Martín Sarmiento. Súmanse ao Correlingua en Pontevedra centros de ensino da contorna: CEIP plurilingüe Rosalía de Castro de Carril, CEI Campelo Afundación, CEIP Isidora Riestra, CEIP plurilingüe de Chancelas, IES de Poio, CEIP Espedregada-Raxó de Poio, CPI de Ponte Cesures, CPI Afonso VII de Caldas, CEIP Enrique Barreiro Piñeiro de Cambados, IES de Cotobade.

            A marcha rematará cunha festa final que conducirá Xurxo Souto. Nesta festa contaremos coa presenza de alumnado do CPI de Ponte Cesures que foron os gañadores do concurso de manifesto do Correlingua 2015, e pecharase coa actuación musical de BOCINAZO, gañador do concurso Cantalingua 2015. Durante o acto contaran coa animación de música, malabares e o dragón de Art Monium. Todos os centros participantes recibirán un lote de libros doados por librarías e editoras de Pontevedra.

            Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país. É unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro. As actividades teñen como lugar de celebración 12 comarcas galegas e comezan o día 4 de maio en Compostela e rematan o 15 de maio en Pontevedra.

            O Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG – Ensino e a Mesa pola Normalización Lingüística, e en Pontevedra conta coa colaboración da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, a Policía Local e Protección Civil.

            Ademais as librarías Seijas, Paz, El Pueblo, Escolma, Dlectum, Nóbel e a OQO editora e Kalandraka cederon gratuitamente durante estes 15 anos os libros que se reparten a todos os centros participantes.

            O programa do día será :

  • 10:30 BENVIDA-PRESENTACIÓN CENTROS (Música e dragón a pé de rúa, animación Art-Monium)
  • 10:45 SAÍDA DAS CARREIRAS:
    • O percorrido curto (para infantil): praza da Ferraría, rúa San Román, rúa Sarmiento, praza de Méndez Núñez, rúa Isabel II, praza das Cinco Rúas, rúa Paio Gómez Chariño, rúa da Bastida, rúa Michelena, Porta de Trabancas e praza da Ferraría.
    • O percorrido longo (para primaria, ESO e bacharelato): saída da praza da Ferraría, rúa San Román, rúa Padre Sarmiento, rúa Gregorio Fernández, praza da Pedreira, rúa Serra, rúa San Xulián, praza de Méndez Nuñez, rúa de Don Gonzalo, praza de Curros Enríquez, rúa Real, rúa da Ponte, rúa San Nicolás, praza das Cinco Rúas, rúa Paio Gómez Chariño, rúa da Bastida, rúa Michelena, Porta de Trabancas e praza da Ferraría.
  • 11:20 CHEGADA DOS CENTROS. presenta o acto Xurxo Souto ( O dos Diplomáticos de Monte Alto)
  • 11:35 LECTURA DO MANIFESTO polo CPI de Pontecesures, gañadores do concurso.
  • 11:40 ACTUACIÓN DE BOCINAZO(Podedes escoitalo en www.cantalingua.org)
  • 12:10 SAÚDO DO ALCALDE
  • 12:20 ENTREGA DE AGASALLOS E GLOBOS
  • 12:35 SOLTA DE GLOBOS E DESPEDIDA
  • 12:45 REMATE DO ACTO

Máis información sobre s premios:

– Vídeo: alumnado do CPR Sagrada Familia de Aldán, Cangas:

https://www.correlingua.org/noticias/o-premio-do-concurso-de-video-vai-para-cangas-do-morrazo

 

– Manifesto: “@s Bokaneir@s”, 4º da ESO do CPI de Pontecesures

https://www.correlingua.org/sites/all/arquivos/concursos/manifesto_cpi-de-pontecesures-alumnado-4o-eso.pdf