O luns comezan as presentacións do Trotacontos no CEIP San Bieito de Lérez

212

O Trotacontos é unha actividade organizada polos ENDL dos CEIP de Marcón, Parada-Campañó, San Bieito de Lérez, Campolongo e a EEI de Verducido, que conta coa colaboración da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra.

Trátase dunha actividade de promoción do galego na lingua oral e escrita, así como do traballo en grupo e da creatividade, tanto nas aulas como entre distintos centros educativos do concello de Pontevedera.

Os contos, un feito polos alumnos/as de educación infantil e outro de educación primaria, pasan polos diferentes centros e aulas, onde os nenos e nenas completan a historia. Este ano a temática dos Trotacontos baséase na declaración do 2015 como Ano Internacional da Luz pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Daráselle a cada participante un exemplar do conto no acto de presentación que se fará en cada un dos centros. Un “mensaxeiro” reforzará a importancia do traballo en grupo, do uso do galego como lingua de creación literaria, e daralle aos nenos/as cadanseu exemplar.