Nova colaboración coa Deputación por máis de 550.000 euros

195

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a sinatura dun convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para a mellora de distintas estradas dentro do municipio. Este convenio obedece á colaboración que a Deputación mantivo cos concellos da provincia no ano 2014 para compensar as desfeitas dos temporais do inverno 2013/2014. No caso de Pontevedra, as melloras faranse nas estradas de Pedra do lagarto a Marcón, de Mollabao ao Sixto e tamén a reparación da ponte da Gándara na Xunqueira de Alba.

A pavimentación da estrada Pedro do Lagarto até Marcón ten un custe de 184.645,04 euros; a de Mollabao ao Sixto de 241.605,84 euros; e a reparación da Ponte da Gándara é de 130.585, 89 euros.

O Concello está encargado de elaborar os proxectos que xa foron enviados á Deputación, que licitará estas obras en breve, segundo explicou esta mañá o portavoz do Goberno, Raimundo González Carballo.