Asfaltan a nova rotonda do desdobramento da avenida de Vigo para abrila ao tráfico

272

O Concello de Pontevedra abrirá ao tráfico, de cara á fin de semana, a rotonda que une o desdobramento da avenida de Vigo coa rúa Estación, así como o novo acceso á estación de autobuses. Os traballos de fresado e asfaltado realizaranse entre a xornada de mañá e o xoves, e unha vez que rematen, a rúa e a nova rotonda quedará aberta ao tráfico, non así o desdobramento no que se continúa traballando.

As obras de asfaltado comezarán mañá a partir das 09.15 horas, logo da entrada dos centros de ensino, e rematarán ao longo da tarde do xoves. Trátase dun asfaltado provisional -completarase co asfaltado final do desdobramento- pero que permitirá abrir ao tráfico a nova entrada á estación.

Para garantir a mellor mobilidade na zona, a Policía Local pon en marcha un dispositivo especial de tráfico dende mañá ás 09.15 horas. Durante o tempo que dure a pavimentación garántese o tráfico dende a avenida de Vigo e Fernández Ladreda, cara a avenida da Estación, e prohíbese o tráfico no sentido contrario, dende a rúa Estación cara Fernández Ladreda e avenida de Vigo. Todo este tráfico entrará na cidade pola rúa Eduardo Pondal.

 

 

Bo día, Gabinete de Comunicación