O xadrez, protagonista da fin de semana

173

O xadrez tomará a praza de España con dous eventos consecutivos organizados polo club Escola Xadrez Pontevedra e que contan co patrocinio da Concellería de Deportes. O calendario foi presentado hoxe polo concelleiro Agustín Fernández; o presidente do club, Daniel Rivera, e o profesor do colexio de Campolongo, coordinador das Escolas Asociadas da Unesco e impulsor do Xadrez na Rúa, Antonio Ferrer.
Máis de 800 persoas participarán en ambos eventos, que constitúen unha referencia nacional na práctica do xadrez ao aire libre.
O programa comeza o venres, día 29, a partir das 10.30 horas. Unha convocatoria pensada e dirixida aos rapaces que xogan habitualmente a este deporte-ciencia. O evento xurdiu como unha actividade dos colexios e acabou incorporándose como preludio do Torneo PonteXadrez para mellorar a organización e aproveitar a carpa que protexe aos participantes da choiva ou do sol. Nesta edición colaboran os colexios de Campolongo, Manuel Vidal Portela, Xunqueira 2 e Vilaverde (Mourente).
A gran cita do xadrez será ao día seguinte, sábado día 30, a partir das 11 da mañá, coa celebración do VI Torneo PonteXadrez, o maior torneo ao aire libre de España, e que o ano pasado acadou o seu récord coa participación de máis de 400 xogadores chegados de de diversas partes do Noroeste peninsular.
Xogarase polo sistema suízo, a sete rondas con enfrontamentos elixidos por un programa informático. A competición divídese nas diferentes categorías de idade. O torneo contará co atractivo da presenza do divulgador e activista Álvaro van den Brule. Tamén coa colaboración do equipo cadete do club Xadrez Pontevedra, que estará dispoñible para disputar partidas con todo o público que se achegue.
Tanto o Xadrez na Rúa como o PonteXadrez son eventos solidarios, unha vocación que xa o ano pasado permitiu achegar 500 Kg de alimentos ao comedor social de San Francisco. Este ano, atendendo ás peticións do comedor, recoméndase entregar embutidos envasados ao baleiro.
As inscricións para os dous eventos xestiónanse a través do enderezo electrónico escola@xadrezpontevedra.com e no teléfono 650645318.