A Aula de Teatro Municipal estrea “Banqueiros” no Centro Cultural de Monte Porreiro

163

Oito actores afeccionados da comarca de Pontevedra, que forman parte da Aula de Teatro Municipal de Pontevedra (ATM) estrean o espectáculo ‘Banqueiros’ este sábado 30 de maio a partir das 21.30 horas no Centro Cultural de Monte Porreiro con entrada libre ata completar aforo.

            ‘Banqueiros’ é unha montaxe baseada en textos de diversos autores galegos: Alfonso Becerra de Becerreá, Cid Cabido, Gustavo Pernas, Santiago Cortegoso e Jorge Cassinello. Os bancos convértense nos elementos que enlazan as historias onde os personaxes tratan, en clave de humor negro, temas relacionados coas preferentes emitidas polas entidades bancarias, coa inadaptación cultural ou coa morte.

            O reparto, conformado por cinco actrices e tres actores e dirixido por Anxo Lourido, leva dende o mes de setembro de 2014 realizando actividades de formación interpretativa que culminan con esta montaxe dunha hora de duración, onde se mantén o estilo crítico e irónico das obras da ATM, que leva 15 anos de traxectoria.

         15 ANOS DA ATM

            A ATM está a preparar tamén, con motivo deste 15 aniversario, a montaxe da obra ‘Doce sen piedade’, baseada no texto orixinal do autor norteamericano Reginald Rose.

            Durante a súa andaina, a agrupación teatral, dependente da Concellería de Cultura do Concello de Pontevedra, formou a máis de 70 actores afeccionados e obtivo numerosos galardóns en certames teatrais como os de Reinosa (Cantabria), Villacañas (Toledo), Laxe, Cabana de Bergantiños ou Campo Lameiro con montaxes como Un millón de vacas, O mellor dos mundos e A caída do Conselleiro. Varios dos seus integrantes deron o salto ao terreo profesional como é o caso de Beatriz Campos ou de Pepe Castejón.

            Para máis información poden poñerse en contacto con Anxo Lourido (667.679.439) ou con Alexandra Vicente (659.072.427), a única integrante que continúa na ATM dende a súa creación no ano 2000. Adxúntanse fotos de ‘Banqueiros’ de Mónica Patxot/Aula de Teatro Municipal de Pontevedra para a súa publicación en prensa:

https://www.facebook.com/pages/Aula-Teatro-Pontevedra/138262539576389?ref=hl