A segunda feira da ciencia de Pontevedra volve sorprender

260

O xurado cualificador, formado polo concelleiro de Educación, Agustín Fernández, o representante da facultade de Forestais, Juan Picos, e profesores do campus de Pontevedra, comezou hoxe a revisión dos 33 proxectos científicos que durante esta fin de semana se exhiben na Feira da Miniciencia, ou sexa a recta final do programa municipal Pontenciencia.
A iniciativa, na que colaboran a Concellería de Educación e a Universidade de Vigo, ten como obxectivo estimular o interese pola ciencia entre os estudantes de Primaria de Pontevedra. A feira está situada na facultade de Forestais e pode visitarse durante toda a xornada de hoxe venres e durante mañá, sábado, ata o mediodía.
Agustín Fernández asegurou sentirse sorprendido pola calidade dos traballos que compiten e subliñou que trátase dun dos programas municipais dos que se sinte máis satisfeito.
Os proxectos dos colexios (con alumnos de Quinto e Sexto de Primaria) foron elaborados polos equipos dos colexios Xunqueira 1, San Bieito (Lérez), Ponte Sampaio, Parada (Campañó), Froébel, Campolongo, San Martiño (Salcedo), e Marcos da Portela (Monte Porreiro). As investigacións abrangueron o mundo dos microbios, das erupcións volcánicas ou a influencia da luz no crecemento das plantas. Outros traballos investigaron sobre a invisibilidade ou por que estoupan as bebidas de cola ao mesturalas con caramelos de menta.
Os proxectos das familias (compostas polos pais e os rapaces de calquera tramo de Primaria) contan con epígrafes moi suxestivos: Reciclaxe de aceite, Da alga kombu á comida rápida, pegadas dactilares ou temos corda para un anaco.
A entrega de premios será ás 13.20 e 13.45 horas do sábado. Os gañadores das distintas categorías obteñen cheques de regalo para material escolar.