A obra de César Portela, recollida nun libro publicado polo Ateneo e a Concellería de Urbanismo

151

Un libro sobre a obra do arquitecto César Portela Fernández-Jardón pecha os actos da primeira edición do Memorial Sesmero, o programa de actividades destinado a enxalzar a obra dun profesional pontevedrés relacionado coas artes plásticas, a arquitectura, o urbanismo ou o paisaxismo. A iniciativa xurdiu da Concellería de Urbanismo e contou coa organización do Ateneo de Pontevedra.
O libro foi presentado hoxe polo tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro; o vicepresidente do Ateneo, Antón Sobral, e o propio homenaxeado, César Portela, quen se definiu como un arquitecto que tivo a ocasión de coñecer o mundo non como turista, senón como profesional que traballa coas persoas e co entorno.
Antón Louro lembrou que o Memorial naceu como secuela dos actos con motivo do Centenario do pasamento de Alejandro Rodríguez Sesmero, arquitecto municipal a finais do século XIX, e autor dunha parte dos fitos e espazos urbanos máis senlleiros da cidade. Hoxe que se fala moito de modelo de cidade, creo que podemos reivindicar que da cabeza de Sesmero saíu o primeiro modelo urbano moderno da Pontevedra que hoxe coñecemos.
Louro avogou por que o Memorial teña continuidade no futuro. Paréceme unha achega cultural importante. Un traballo xa iniciado, que agora outros terán o talento de continuar ou a torpeza de abandonar, afirmou.
Antón Sobral explicou que César Portela ten outros libros, pero son traballos concretos ou especializados, mentres que neste caso buscouse unha escolma moi visual, cun enfoque didáctico e claro.
César Portela amosouse orgulloso de ter traballado toda a vida no mundo da construción, un sector sempre salpicado pola lacra da corrupción, sen mancharse. Iso, engadiu, permíteme mirarme ao espello todas as mañás. Unha das claves, subliñou, está en ver todas as obras como un logro social para a xente, e non só como unha contribución estética ou técnica.
Eu comecei facendo casas particulares e logo moita obra pública, pero cando un fai obra privada debe dicirlle ao cliente que a casa é del, pero a fachada é de todos. De aí que me gusten tanto os soportais.
Ao repasar o libro sobre a súa obra, Portela conclúe afirmando que sempre tentou restar protagonismo ao espectáculo, ao revés que as obras dalgúns compañeiros de profesión, que fan edificios que parecen pedestais nos que subir o seu propio ego. Hai que construír cidades, barrios e escenarios humanos, para mover comodamente o corpo das persoas e para dar liberdade ao espírito.
No libro que hoxe se presentou, prologado por Antón Louro, aparecen textos de Antón Patiño, Antonio Barrionuevo, Damián Álvarez, Andrés Albalat e o propio César Portela. Con eles, unha ampla selección de fotografías e bosquexos de 29 obras en Potnevedra, 19 en Galicia, 12 no resto de España e outras 9 espalladas por todo o mundo, agás Oceanía.