Summer youth camp 2015, primeira actividade do Programa Municipal de Voluntariado

251

A Concellaría de Benestar Social inicia esta semana a primeira acción do Programa Municipal de Voluntariado a través de Summer youth camp 2015, un programa de voluntariado europeo que oferta a mozos da cidade un espazo lúdico e educativo en lingua inglesa.

            O programa oferta unha grande variedade de actividades: dinámicas grupais, actividades de natureza, deseño de camisetas, visita ao parque de bombeiros, cociña para mozos, actividades musicais, videoforum, cocción de cerámica, día das olimpiadas e elaboración de agasallos persoalizados. Todas as actividades serán en inglés.

            É un programa dirixido a mozos de 8 a 15 anos, que serán distribuídos en dous grupos: 15 prazas para o grupo de nenos entre 8 e 11 anos (nados entre os anos 2004-2007); e 15 prazas para o grupo entre 12 e 15 anos (nados entre os anos 2000-2003).

            Estes cursos impartiranse do 22 ao 30 de xuño na Casazul, de luns a venres en horario de 09.30 a 14.00 horas por voluntarios europeos (nativos en lingua inglesa).

            O prazo de inscrición comeza mañá, 3 de xuño e rematará o vindeiro venres, 12 de xuño. No caso de quedar prazas vacantes, abrirase a inscrición a mozos de concellos veciños.

            Unha vez rematado o prazo de pre-inscrición avisarase ás persoas admitidas para que formalicen a inscrición coa documentación necesaria, e realicen o pago da cota de 15 € (para material). Poderanse consultar as listases de persoas admitidas así como a lista de agarda presencialmente na Casazul.

            O programa reserva un número de prazas para familias usuarias dos Servizos Sociais Municipais.

            Para máis información, pódese chamar á Casazul no teléfono 986804300 ext 7452, ou a través do correo electrónico casazul@pontevedra.eu en horario de luns a venres de 9 a 14 horas.