Apoio ás traballadoras de Os Telares

171

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta mañá un encontro coas traballadoras de Os Telares de Pontevedra que levan varias semanas vivindo unha situación laboral insostible, logo do que a propietaria desta cadea estatal que ten máis de 100 tendas en todo o territorio do Estado, 16 en Galiza e 4 na provincia; unha de las na rúa Oliva de Pontevedra, non lles pague varias nóminas e tampouco liquida a empresa. As dez traballadoras explicaron esta mañá ao alcalde que levan dous meses sen cobrar e adébenlle, tamén, dúas pagas extas.

A cadea, de orixe asturiana, foi vendida a  un fondo de inversión suizo que dende que se fixo cargo está a liquidar a a empresa, segundo a opinión das traballadoras, que carecen de calquera información oficial por parte da empresa, e mentres están á espera de que se lles despida “porque sería a mellor das solucións”.

Neste momento xa non reciben mercancía de temporada. Están a vender mercancía de temporadas pasadas a prezos rebaixados. E estiman que o comercio de Pontevedra era viable polas caixas que facían día a día, incluso agora coa venda deste stock.

O alcalde comprometeuse a recabar información fiable dende Asturias, poñéndose en contacto coa alcaldesa de Avilés, que xa se reuniu cos traballadores daquela zona da que é orixinaria esta cadea.