Comeza a reparación integral dos viais centrais do núcleo de Cabanas, en Salcedo

201

O Concello de Pontevedra iniciou esta semana os traballos de reparación e pavimentación de dúas das estradas que conforman o núcleo central do lugar de Cabanas, na parroquia de Salcedo. Trátase dun proxecto cun investimento de 124.628,55 euros e que permitirá mellorar substancialmente as estradas de Cabanas a Cruceiro, e de Cabanas á Igrexa (onde se atopa o centro escolar).

O Concello priorizou esta obra en coordinación co consello parroquial de Salcedo para ir conformando o núcleo central de Cabanas onde se atopa o colexio, o centro de Banda de Música de Salcedo, onde se instalou un novo parque infantil, onde se asfaltou a Pista da Sociedade, e onde se está a construír o novo Centro Social.

As obras consisten na incorporación dos sobre anchos aos viais e o fresado das zonas máis deterioradas das rúas, e a posterior reparación integral das dúas estradas cunha pavimentación completa. Tamén está previsto a creación de cunetas para a canalización das augas pluviais, recrecer as tapas de rexistro e incorporar a dobre onda, así como o pintado e instalación da sinalización horizontal pertinente.

O proxecto complétase coa creación de tres lombos redutores da velocidade en distintos puntos das estradas.