O Concello atende a petición do Sergas e iniciará a praza do Hospital despois do verán

147

Pontevedra, 4 de xuño de 2015. O concelleiro de Obras, Luís Bará mantivo esta mañá unha reunión co xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra, Xosé Manuel González para abordar obras de melloras nos entornos de Montecelo e do Hospital Provincial. Na reunión estiveron presentes técnicos das oficinas do Concello de Pontevedra e do propio Sergas, e celebrouse en absoluta sintonía e coordinación por ambas partes.

No tocante ao Hospital Provincial, o Concello presentoulle o proxecto ao xerente e trataron de pechar un calendario de obras, dado que o proceso de adxudicación está iniciado e podería coñecerse a empresa gañadora no prazo dun mes, aproximadamente. A petición do Sergas, as obras non se iniciarán até o mes de setembro, cando menos.

Un dos puntos importantes da adxudicación da nova praza do Hospital é o plan de seguridade e saúde da obra, xa que se está a realizar na fachada do Hospital onde se atopan ingresados un gran número de persoas con distintas patoloxías e gravidade. Aínda que están previstas importantes medidas para evitar molestias de ruído, vibracións e tamén po, dende a dirección do Chop se solicitou ao Concello que non se faga a obra no verán para evitar molestias e perigos derivados, especialmente do po, xa que é nesta época cando se teñen as ventás abertas do centro sanitario.

Ante esta petición, o Concello acordou esta mañá demorar o inicio da obra até o mes de setembro, cando menos, e sempre en función da evolución do tempo naquela época. Ademais, o Concello comprometeuse a acompasar a o desenvolvemento dos traballos coa vida do Hospital para interferir o menos posible na xestión do centro, e minizar os efectos adversos nos enfermos hospitalizados e usuarios do centro sanitario.

Sobre o parking do Sergas ao carón do Hospital Provincial, Luís Bará indicou que a tramitación administrativa está en vías de solución, e en breve será autorizado.

             Hospital Montecelo

Ao respecto do Hospital Montecelo, tamén se lle presentaron as actuacións previstas para mellorar a accesibilidade e a seguranza viaria nos seus accesos, dado que todo este ámbito ten importantes deficiencias especialmente na seguridade dos peóns.

Algúns dos traballos a executar é a construción de beirarrúas na zona do Príncipe Felipe, así como mellorar as beirarrúas da estrada que accede da avenida de Lugo. Mellorarase a iluminación, instalaranse varios pasos de peóns elevados e tamén se colocará unha marquesiña para o autobús situándoa próxima á rotonda que xestiona o tráfico na entrada ao centro hospitalario, onde hoxe en día paran os autobuses.

O concelleiro Luís Bará explicou que esta marquesiña pódese poñer nestas semanas xa que o Concello dispón dela e a súa nova situación está consensuada tanto polos técnicos do Concello como polos do Sergas.

O resto de actuacións vinculadas á mobilidade están pendentes dun estudo que están a rematar os servizos de mobilidade e da Policía Local de Pontevedra. De todos os xeitos, Luís Bará adiantou que a previsión é executar nesta anualidade, cara ao último trimestre do ano, aquelas obras máis urxentes relativas á seguranza viaria e á accesibilidade, o resto iránse facendo en meses sucesivos.

         Planificación de obras a catro anos vista

O concelleiro tamén explicou que a obra do Hospital Provincial é a única que se mantén do pasado mandato -que está a rematar estes días- xa que o resto serán froito dunha planificación a catro anos marcando as prioridades de actuación en todo o ámbito urbano. De feito, a mellora diante de Montecelo é unha desas prioridades como xa o fora no pasado mandato cando se acordou mellorar a mobilidade, accesibilidade e seguranza viaria diante dos centros de saúde e tamén dos centros escolares do concello.