Os inmobles de Pontevedra comezan a pasar o informe de Avaliación dos Edificios

279

Un edificio, situado na rúa de Forcarei, converteuse onte no primeiro de Pontevedra en presentar o informe de Avaliación dos Edificios, cumprindo así o previsto na Ordenanza aprobada polo Concello o pasado mes de abril.
O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, asinou hai varias semanas a relación dos 295 inmobles que deben presentar o informe durante este ano. Trátase dos inmobles que, conforme aos datos que obran en poder do departamento municipal, foron construídos antes de decembro de 1943. A listaxe será publicada nos próximos días na web do Concello e no taboleiro de anuncios.
O informe deste primeiro edificio, entregado nas oficinas do servizo de Disciplina Urbanística é positivo, e será tamén o primeiro en incorporarse ao rexistro creado para vixiar o cumprimento da ordenanza.
Louro explica que a relación de inmobles afectados este ano foi elaborada en base aos datos obtidos no Catastro. Pode haber casos dalgúns que foron obxecto de declaración de ruína ou de rehabilitación integral con posterioridade á data de referencia de 1943 e non estea documentado oficialmente. De ser así, bastaría con que achegaran a documentación no Concello, porque non estarían obrigados a superar o informe durante este ano.
Por outra banda, o tenente de alcalde aclara que o informe de Avaliación dos Edificios pode ser presentado por calquera propietario (ou comunidade) con independencia da antigüidade. Cómpre lembrar que, conforme á lei estatal, é preceptivo para obtención de subvencións públicas para obras de rehabilitación. Ao mesmo tempo, o informe inclúe o certificado de eficiencia enerxética de todas as vivendas e locais comerciais. Este informe é necesario para operacións de venda ou aluguer e resulta máis caro se cada propietario o realiza individualmente.
Finalmente, Antón Louro subliña que a Avaliación dos Edificios é un método moi aconsellable para comprobar o estado non só da estrutura ou a cuberta, senón tamén das instalacións eléctricas, de augas, gas e telecomunicacións. Moitas veces, son estas instalacións as que xeran problemas de mantemento ou mesmo de seguridade, polo que cómpre realizar revisións preventivas.
A Ordenanza de Avaliación dos Edificios afecta a todos os inmobles de máis de 50 anos de antigüidade. Obriga tamén a revisións periódicas cada 10 anos unha vez superada a primeira inspección.
As inspeccións dos edificios son unicamente visuais e só no caso de detectarse deficiencias pode ordenarse algunha proba complementaria para determinar a gravidade. En caso de emitirse informe con recomendación de obras, os propietarios teñen dous meses para presentar a solicitude no Concello. O incumprimento das obrigas dá pé a apertura dun procedemento de disciplina urbanística por falta leve.
Diante do elevado volume de edificios, naves industriais e casas unifamiliares que terán que pasar a avaliación, a propia Ordenanza establece un calendario, co obxectivo de chegar ao ano 2018 coa totalidade do parque edificatorio de máis de 50 anos revisado:
Ata o remate deste ano 2015 teñen que pasala os edificios construídos antes de 1943.
Ata o remate do ano 2016, os edificios anteriores a 1953.
Ata o remate do ano 2017, os edificios anteriores a 1963.
Ata o remate de 2018, as vivendas unifamiliares e edificacións de uso non residencial.

Os edificios BIC, catalogados ou inventariados, disporán de tres prazos diferentes:
Os anteriores a 1900 ata o remate deste ano, 2015.
Os anteriores a 1925, ata o remate de 2016
As edificacións rehabilitadas integralmente a partir de 1990, ata o remate de 2018.