A alquimia, temática para a próxima edición da Feira Franca

296

O Consello da Feira Franca acordou adicar a vindeira edición da Feira Franca á Alquimia que se celebrará os vindeiros 4 e 5 de setembro. Todas as entidades que integran o Consello da Feira Franca xunto á Concellaría de Festas, reuníronse onte no Concello ás 20.00 horas para facer balance da anterior edición, consensuar a temática, e ir centrando as colaboracións e novas incorporacións á Feira.

Segundo explicou o concelleira de Festas, Carme da Silva logo da reunión, o balance da pasada edición foi bastante positivo, especialmente no tocante á ambientación e cumprimento da normativa por parte de todos os participantes na Feira: persoas a título particular que organizaron ceas ou xantares, a hostalería e tamén os vendedores do Mercado medieval. De todos os xeitos, acordaron manter os controis para que non merme a calidade da Feira Franca tanto na ambientación e traposición histórica, como no cumprimento de todas as medidas de seguridade e emerxencia que permiten unha celebración festiva sen contratempos na que participan miles de persoas.

Ademais acordaron adicar a presente edición á Almiquia, propia da Idade Media, e porque é unha temática que permite abordar moitas vertentes, polo que dará moito xogo para a organización de actividades e obradoiros tanto antes como despois da Feira Franca, así como na propia Feira.

Como na pasada edición, tamén se organizarán obradoiros vinculados coa temática da Feira Franca para nenos e escolares. A diferenza do pasado ano, nesta ocasión tal vez se realicen despois da Feira Franca, durante o mes de setembro, e aproveitando que os rapaces xa iniciaron o curso escolar xa que a organización é máis sinxela.

Un dos motivos para escoller a Alquimia é aproveitar as sinerxias e as potencialidades que ofrece o Salón do Libro, que na súa última edición estivo adicado á Ciencia.

Oficina da Feira Franca

Como en pasadas edicións, a Oficina da Feira Franca abrirá as súas portas no edificio administrativo que o Concello ten na rúa Alfonso XIII (ao carón da Biblioteca pública) o vindeiro 15 de xuño e pechará o día 15 de xullo.

Dende o primeiro día, todas as persoas que o desexen poden presentar as súas solicitudes para participar nos xantares, ceas, no mercado ou na hostalería, dado que todas aquelas persoas que non soliciten participar non poderán instalarse no ámbito da Feira Franca durante esa fin de semana.