ANUNCIO DE EXPOSICIÓN PÚBLICA DAS EDIFICACIÓNS OBRIGADAS A PRESENTAR O INFORME DE AVALIACIÓN DAS EDIFICACIÓNS CON ANTERIORIDADE AO 31/12/2015

1031

ANUNCIO DE EXPOSICIÓN PÚBLICA

Faise constar expresamente que por parte deste concello procedeuse a remitir por correo ordinario unha nota informativa aos titulares das edificacións incluídas na listaxe publicada. Con independencia da súa recepción, mantense a obriga establecida de presentar o informe nos prazo establecido.

NOTA INFORMATIVA

Comunidade de Propietarios / Propietario/a :
O xoves 9 de abril de 2015 publicouse no BOP de Pontevedra número 66, a aprobación definitiva e texto íntegro da Ordenanza municipal reguladora do Informe de avaliación dos edificios do Concello de Pontevedra, determinando a súa disposición derradeira segunda a entrada en vigor deste texto ao día seguinte da súa publicación. Dita ordenanza non persigue máis fin que o de velar polo bo estado de conservación e uso das edificacións que, ao longo do tempo sofren inevitablemente certos deterioros, dando un desenvolvemento á obriga xeral que se prevé nos artigos 9 e 199, así coma no artigo 200 da Lei 9/2002 de 30 de decembro, de Ordenación urbanística e Protección do medio rural de Galicia.
Nesta ordenanza elaborada e aprobada por este Concello en cumprimento da lexislación estatal e galega vixente, establécese un calendario para que as edificacións sexan revisadas por técnicos competentes contratados polos propietarios das mesmas, co fin de emitir un informe (IAEd) sobre o bo estado de conservación e uso da edificación, a súa seguridade e as condicións de accesibilidade, xunto coa eficiencia enerxética nas edificacións residenciais colectivas. O amentado calendario de acreditación ou entrega dos informes de avaliación das edificacións determinouse en atención ao criterio da antigüidade da propia edificación, e en tal xeito, a disposición adicional primeira da ordenanza establece a obriga de presentar dito informe con anterioridade ao día 31/12/2015 no suposto daquelas edificacións de tipo residencial de vivenda colectiva anteriores ao 31 de decembro de 1943, así como para aquelas edificacións/construcións declaradas BIC (Ben de Interese Cultural), catalogadas ou inventariadas anteriores ao ano 1900.
Se vostede recibe esta nota informativa é porque a súa edificación presenta unha tipoloxía e antigüidade das que se citan no parágrafo anterior, segundo os datos dos que dispón o Concello. En calquera caso, a efectos dunha máis precisa verificación, poderá consultar a listaxe exposta na páxina web do Concello de Pontevedra (www.pontevedra.gal), e/ou no taboleiro de edictos do mesmo, sito no baixo da rúa Michelena, nº 30 e, se o considera, formular as alegacións e achegar a documentación que considere oportuna para acreditar a antigüidade da edificación e demais circunstancias concorrentes aos efectos desta Ordenanza.
O informe deberá expedirse obrigatoriamente no modelo normalizado que se recolle na ordenanza, que pode descargase da páxina web municipal (www.pontevedra.gal) e para a sua eficacia deberá presentarse unha copia debidamente cuberta no colexio profesional correspondente e outra no Concello de Pontevedra (no seu rexistro xeral ou ben por medio de calquera das formas establecidas no artigo 38 da Lei 30/1992) incorporando tamén una copia acreditativa da presentación no Concello do primeiro e sucesivos IAEd ao Libro do Edificio. Se o resultado do informe é desfavorable no que atinxe ao deber de conservación achegaranse dúas copias.
Para mais información sobre o IAEd pode consultar a páxina web municipal, dirixirse ás oficinas do Servizo de disciplina urbanística, medio ambiental e policía administrativa sitas no terceiro andar do Teatro Principal (rúa don Filiberto) ou ben chamar ao teléfono 986100185 (extensión 7280) ou ao 986804326.
Asemade, infórmaselle de que con respecto deste particular existe unha liña de subvencións publicada no DOG núm. 63 do 06/04/2015 (Orde do 9 de marzo de 2015) da que poderán ser beneficiarios as comunidades de propietarios, as agrupacións de comunidades de propietarios e as persoas propietarias únicas de edificios de carácter predominantemente residencial que conten co IAEd antes de que finalice o ano 2016 e que cubre parte dos gastos dos honorarios profesionais derivados da emisión do IAEd.
A subvención solicitarase por vía electrónica no enderezo https://sede.xunta.es/localizacion-de-procedementos, ou en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, utilizando o modelo normalizado (Anexo I da Orde) e dirixidas á Dirección Xeral do IGVS no prazo de 4 meses contados a partir do 6 de abril.
Para máis información sobre estas axudas pode consultar a páxina web municipal (https://www.pontevedra.gal/novas/2015/04/21/programa-de-apoio-a-implantacion-do-informe-de-evaluacion-dos-edificios/), dirixirse á Oficina Técnica de Rehabilitación sita no terceiro andar do Teatro Principal (entrada pola rúa Don Filiberto) ou chamando ao teléfono 986100185 (extensión 7590) ou ao 986804335.
Pontevedra, 28 de maio de 2015.
O Tte. De Alcalde e
Concelleiro Delegado da Área de Urbanismo,

Antonio Louro Goyanes

 

Preguntas máis frecuentes relativas ao informe de avaliación dos edificios