O Campionato de España de Natación Máster produciu un impacto económico de 380.000 euros

772

Un estudo científico, encargado pola Concellería de Deportes, demostra a rendibilidade socioeconómica dos grandes eventos deportivos, pero achega tamén recomendacións para optimizar os retornos. O concelleiro Agustín Fernández e o director do traballo, Patricio Sánchez, presentou hoxe a Análise de Impacto Económico do XXI Campionato de España de Natación Máster, celebrado na cidade entre os pasados 19 e 22 de febreiro.
O estudo, realizado polo equipo do Master de Xestión Empresarial Deportiva da Uvigo (Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo), calcula en 377.141 euros o retorno económico total que o evento deixou na cidade, cun gasto medio total de 278 euros por deportista e acompañante. O impacto neto diario na cidade foi de 94.285 euros.
Agustín Fernández indicou que, ata o de agora, programabamos con intuicións, pero agora dispoñemos de datos obxectivos incontestables que deben guiar a planificación deportiva municipal. Os eventos deportivos son rendibles, iso está claro, pero hai que partir dalgunhas cautelas para que o investimento público obteña o máximo rendemento.
As conclusións son que é máis interesante apostar por eventos en deportes relacionados coa tradición deportiva local e que non requiran de investimentos en construción de infraestruturas. Tamén se aconsella optar por categorías inferiores ou por categorías de veteranos (master), porque, en ambos casos, o número de acompañantes é superior aos que achegan as competicións de elite. Outro aspecto crucial é programar os eventos fóra do verán para contribuír así a desestacionalizar a afluencia á cidade e non competir, ou mesmo prexudicar, á ocupación clásica durante os meses de xullo, agosto e principios de setembro.
Agustín Fernández subliña que hai un novo perfil de turista, que é o deportista afeccionado, ao que cómpre tratar de enganchar cunha oferta atractiva. Especialmente nas idades máster, é xente cun nivel cun poder adquisitivo superior á media. O estudo hoxe presentado demostrou que o 29% dos participantes no Campionato de Natación tiña máis de 30.000 euros de ingresos anuais. Tamén quedou reflectido que o 65% dos asistentes non coñecía a cidade de Pontevedra.
Algo que tamén quedou de manifesto é que os subsectores máis relacionados co turismo son os que saen máis beneficiados polos eventos deportivos. Os hoteis absorben o 32,8% do gasto, os restaurantes o 25,7%, as compras o 17,7%, as actividades turísticas o 8,1%, os desprazamentos o 8% e, finalmente, as actividades de lecer o 1,9%.
O concelleiro de Deportes insistiu en que as cifras demostran claramente algo que dende o seu departamento se vén reclamando dende hai tempo. Os empresarios dos sectores máis beneficiados teñen que colaborar economicamente. Engadiu que o propio Concello debe facer autocrítica por non ter acadado esa colaboración estable. Xa non vale ceder unhas habitacións, senón que isto ten que partir dunha colaboración pautada e regrada. De feito, o Campionato de España de Natación Máster só contou co patrocinio económico do Concello, que asumiu todos os gastos de organización, incluído o canon da Federación Española.
O estudo da Uvigo revela que un total de 1.272 deportistas, pertencentes a 137 clubs (8 deles estranxeiros) participaron no Campionato, o que constituíu un récord, superando as cifras alcanzadas en 2007 en Madrid. O traballo, que concluíu o pasado mes de maio coa publicación das conclusións, incluíu enquisas entre os asistentes e unha análise pormenorizada de todos os datos.
A metodoloxía de traballo excluíu aos participantes dos clubs locais e tamén aos asistentes que, de tódolos xeitos, tiñan previsto asistir a Pontevedra, aínda que fóra noutras datas. Partindo destas correccións reduciuse a 1.249 o número de asistentes. Ademais, o número de acompañantes foi medido nun total de 198,o que supón un 13,6% do total. Trátase dunha das conclusións máis sorprendentes, pois reduce bastante as estimacións habituais. O concelleiro de Deportes matizou que o número de acompañantes é superior nos campionatos de categorías base, nos que os deportistas adoitan vir acompañados dos pais.
Os cálculos do equipo identificaron un gasto total na cidade de 401.154 euros, pero de aí restan os 24.012 euros que custou ao Concello a organización do evento ata chegar ao resultado final de 377.141 euros.
Finalmente, o traballo achega tamén datos sobre a imaxe que os asistentes levaron de Pontevedra, tanto sobre o Campionato como sobre a propia cidade. Os resultados a propósito da organización deportiva son moi favorables, pois o 42% estimou que era mellor que as anteriores e un 7,8% moito mellor. Mentres que un 42% estimou que era igual e só un 6% considerouna peor.
O que máis gustou de Pontevedra foi o Centro Histórico (53% das respostas), seguido da ría (21%). O que menos agradou aos visitantes foi a planta de celulosa (29%) e os arredores da cidade (18%).
As principais críticas dos visitantes cinguíronse á falta de aparcamento nas instalacións da piscina de Ponte Muíños, así como a carencia de transporte urbano tanto na propia cidade como no enlace co aeroporto de Peinador.