A Ponte Noite 5+5 chega este sábado para encher de deporte as rúas de Pontevedra

423

As rúas de Pontevedra acollen este sábado a Ponte Noite 5+5, a carreira central do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP), a liga anual da Concellería de Deportes destinada a promocionar a práctica deportiva entre os cidadáns.
A proba foi presentada hoxe polo concelleiro Agustín Fernández, quen estivo acompañado dos directivos da Sociedad Gimnástica de Pontevedra; da presidenta da Asociación de Enfermos de Párkinson, Begoña Cerqueiro, e da representante das asociacións Os Palleiros e Difusión Felina, Pilar Perille.
Agustín Fernández subliñou que o CCCP alcanza nesta terceira edición os 400 corredores, o que supón practicamente o dobre dos que rexistrou na primeira edición, no ano 2013, cando quedou en 218. O obxectivo, engadiu, é acadar os 500 o ano próximo.
Pola súa banda, a carreira deste sábado noite conta xa cuns 650 inscritos (incluídos os do CCCP), aínda que o prazo está aberto ata a medianoite de mañá, xoves a través da plataforma dixital de Championchipnorte.
A Ponte Noite é unha auténtica festa do deporte e a solidariedade que se compón de tres eventos complementarios. A peza central é a carreira de 10 Km, a dúas voltas, nun circuíto urbano que comeza na praza de España e inclúe boa parte do seu percorrido polo Centro Histórico. A saída está prevista para as 21.30 horas.
Haberá caixón de saída para os homes con marca inferior a 35 minutos (ou 1 hora e 15 minutos no medio maratón) e as mulleres con menos de 44.30 minutos (ou unha hora e 34 minutos no medio maratón).
Cinco minutos despois sairán os participantes na modalidade de 5 Km, concibida para os que prefiren unha distancia máis curta e moi especialmente o público feminino, cada vez máis presente nas carreiras populares.
Finalmente, hai unha minicarreira solidaria, de 600 metros, englobada dentro do evento Run for Parkinsons. Un movemento internacional ao que este ano se adhiren 47 cidades españolas, e só Pontevedra entre as galegas. A saída está prevista para ás 20.50 horas.
Os corredores do CCCP participan no 10.000 (única proba puntuable para o circuíto), mentres que o resto das persoas interesadas en inscribirse en calquera das tres probas deben abonar o custo de inscrición (10 euros para o 10.000 e 5 euros para os outros dous). A recadación do evento Run for Parkinson´s está destinado a esta asociación e a un programa de investigación sobre a enfermidade. Haberá tamén unha “master class” de zumba dende unha hora antes coa que tamén se pode contribuír a este fin solidario.
Na Ponte Noite estarán tamén presentes os colectivos animalistas para sensibilizar contra o abandono das mascotas e facer campaña a favor do chipeado e a esterilización.
A Ponte Noite achega tamén a presenza de varios deportistas discapacitados que competirán (saíndo antes) na modalidade de hand-bike.