Benestar sortea o luns as prazas do Summer youth ante o elevado número de solicitudes

288

A Concellaría de Benestar Social fará o vindeiro luns, 14 de xuño, unha sorteo público de todas as solicitudes recibidas para participar no Summer youth camp 2015. Debido á gran demanda que tivo o curso, que recibiu máis de 80 peticións para só 30 prazas, a Concellaría acordou sortear publicamente as prazas. Será o vindeiro luns, ás 10.00 horas na Casazul, e poderán asistir todas as persoas que o desexen.

Summer youth camp 2015 é a primeira acción do Programa Municipal de Voluntariado, e trátase dun programa de voluntariado europeo que oferta a mozos da cidade un espazo lúdico e educativo en lingua inglesa.

O programa oferta unha grande variedade de actividades: dinámicas grupais, actividades de natureza, deseño de camisetas, visita ao parque de bombeiros, cociña para mozos, actividades musicais, videoforum, cocción de cerámica, día das olimpiadas e elaboración de agasallos persoalizados. Todas as actividades serán en inglés.

Está dirixido a mozos de 8 a 15 anos, que serán distribuídos en dous grupos: 15 prazas para o grupo de nenos entre 8 e 11 anos (nados entre os anos 2004-2007); e 15 prazas para o grupo entre 12 e 15 anos (nados entre os anos 2000-2003).

Estes cursos impartiranse do 22 ao 30 de xuño na Casazul, de luns a venres en horario de 09.30 a 14.00 horas por voluntarios europeos (nativos en lingua inglesa).

O programa reserva un número de prazas para familias usuarias dos Servizos Sociais Municipais.

Para máis información, pódese chamar á Casazul no teléfono 986804300 ext 7452, ou a través do correo electrónico casazul@pontevedra.eu en horario de luns a venres de 9 a 14 horas.