A Concellaría de Sanidade Animal inicia esta fin de semana o control das pombas da Ferraría

216

O concelleiro de Sanidade Animal, Miguel Filgueira fixo balance esta mañá da xestión realizada pola súa concellería neste último ano. O control das poboacións de gaivotas e pombas, o plan de esterilización das camadas de gatos e tamén o programa de chipeado de cans.

O concelleiro explicou que cada vez existe máis interese por parte dos residentes no centro urbano no control de gaivotas. De feito, o número de visitas previstas para esta campaña xa está cuberto. A día de hoxe, a empresa especializada contratada para realizar o traballo de limpeza de niños dos tellados da cidade visitou 55 vivendas e achegouse a uns 100 tellados. Sacáronse 90 niños e se retiraron 220 ovos.

Agora éntrase na segunda fase da campaña, cando xa non se poden sacar os ovos porque están eclosionándose, polo que se retirarán polos. De feito, hai algunhas gaivotas que volveron a facer os niños, logo de ser retirados -esta é algo habitual no caso das gaivotas durante o período de aniñamento-. Estes polos serán retirados seguindo a supervisión da Consellería de Medio Ambiente.

         Retirada de pombas

Outra parte da campaña é a retirada de pombas, especialmente, da praza da Ferraría e tamén da praza de España, onde se atopan as comunidades máis numerosas.

O principal foco de aniñamento das pombas da praza da Ferraría son dous inmobles situados na traseira da praza que están pechados e deshabitados. Debido a que teñen varias ventás sen cristais, aproveitan o edificio para aniñar alí.

Logo de obter a autorización dos propietarios dos edificios, esta fin de semana os expertos intervirán na colonia de pombas da Ferraría e tamén da praza de España, que proceden da praza da Ferraría e tamén dos tellados do instituto do Valle-Inclán.

         Colonias de gatos

Sobre o plan de control e esterilización da colonia de gatos, Miguel Filgueira explicou que esta é a terceira edición desta campaña que leva arredor de 180 gatos esterelizados, dos cales 55 foron no que vai de ano (35 femias e 20 machos).

Este é un traballo que se fai a través de voluntarios debidamente acreditados, así como en espazos tamén identificados e que presentan retiradas queixas veciñais.

Segundo o concelleiro Miguel Filgueira, comezan a verse os beneficios destas actuacións. De feito, están controladas as colonias da estación de autobuses, da rúa Gorgullón, do Hospital e Arzobispo Malvar. Tamén están case controladas as colonias do Burgo, Médico Ballina, da avenida de Vigo e tamén do Náutico.

         Programa Yes, we can

Sobre o programa Yes, we can que ten como principal obxectivo a concienciación sobre o chipeado de cans como medida importantisima para evitar os abandonos, Miguel Filgueira lembrou que Pontevedra é unha cidade na que empeza a dar resultados a concienciación cidadá. De feito, os últimos datos do Colexio de veterinarios de Pontevedra revelan estas tendencias da cidade. En 2011 chipáronse 965 cans; en 2013, 1.262; e en 2014, 1.401.

Sen dúbida o gran calabo de batalla deste programa é o rural, onde existe un modo distinto de entender aos cans, tanto no trato como na súa función dentro do núcleo doméstico.

O propósito da Concellaría, de cara ao futuro, sería intensificar a concienciación cidadá, especialmente nas escolas, e en concreto, nas do rural.

Miguel Filgueira quixo rematar o seu balance coas obras da canceira, “o gran orgullo da concellaría”, porque permitiu dotar a estas instalacións duns espazos dignos grazas a unhas obras que se fixeron, en parte, coa contratación dunha empresa e se completaron coa actuación das brigadas municipais.