Miguel Anxo Fernández Lores, elexido alcalde de Pontevedra

220

O Concello de Pontevedra viviu esta mañá unha solemne sesión de constitución da Corporación municipal na que Miguel Anxo Fernández Lores volveu a sair elexido alcalde co voto favorable de 12 concelleiros do BNG, mentres que o Partido Popular, o Partido Socialista e Ciudadanos se abstiveron, e dos dous concelleiros de Marea Pontevedra, votaron polo seu cabeza de lista, Luís Rei.

No acto de investidura, todos os concelleiros recibiron a medalla do Concello, que os acredita formalmente como concelleiros de Pontevedra, e xuraron o seu cargo.

A continuación, todos os cabezas de lista dos partidos políticos con representación municipal fixeron un discurso nos que se postulaban ou  non a presidir a nova Corporación, e finalmente, unha vez elexido ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores dirixiuse aos seus novos e vellos membros de Corporación así como a todo o público asistente que enchía o Teatro Principal, do seguinte xeito:

Moi bos dias compañeiros e compañeiras de corporación, autoridades e representacións, veciños e veciñas.

Grazas, moitas grazas a todos e todas

Grazas aos veciños e veciñas de Pontevedra que depositaron a súa confianza na lista que tiven a honra de encabezar.

Grazas aos concelleiros que votaron pola miña persoa para detentar a Alcaldía da nosa querida Pontevedra

Grazas aos que se abstiveron na votación e colaboraron a que fose elexido Alcalde.

E todo o respecto polos que votaron outras opcións.

Todo colle e resulta lexítimo nun marco democrático.

Agardo, teño confianza en que a delgada liña que existe entre a profundizacion da democracia e a deturpación das regras de xogo de maiorías e minorías non se traspase neste mandato que afronto como Alcalde.

A coacción, as malas artes, a imposición da minoría sobre a maioría, agardo que non teñan cabida nunha corporación, nun concello, que practica a democracia mais radical coñecida en ningún outro concello.

Non vou debullar o Programa que pensamos executar dende o Goberno, nen tan sequera as súas liñas maestras.

Pero permitideme unhas breves palabras sobre este mandato que hoxe iniciamos

En primeiro lugar, tende por seguro que se tivese a mais mínima dúbida sobre as posibilidades de avance e mellora de Pontevedra non tería aceptado ser Alcalde.

A rutina, o deixarse ir, o conservadorismo, non entraron nunca, e menos agora, no meu xeito de afrontar a vida e, moito menos, de afrontar a vida pública. Os novos retos son enormes, apaixoantes e síntome coa ilusión do principiante e coa bagaxe da experiencia para poder afrontalos.

En segundo lugar, teño para mín que unha corporación mais diversa e plural representa mellor a diversidade social e entendo que esta riqueza pode e debe aportar mais pontos de vista, mais solucións, mais enfoques e mais diversidade. Estou seguro que esta pluralidade vai a arriquecer o labor de goberno e permitir atender mellor todas e cada unha das sensibilidades. Da altura de miras que teñamos todos e todas vai depender que esta situación sexa un avance. Polo que de min depende, toda a colaboración para que se logre este obxetivo.

En terceiro lugar, a corporación e esta Alcaldía deben ter como referencia única e exclusiva os veciños e veciñas de Pontevedra. Os manexos políticos partidarios en contra dos intereses da maioría serían un pecado mortal sen perdón. Estou convencido de que a capacidade social, de que a capacidade da sociedade pontevedresa para afrontar novos retos, novos obxectivos de futuro, resulta case ilimitada. Esta Alcaldía e a totalidade da Corporación non somos ninguén sen a capacidade da sociedade para empuxarnos a acadar novas metas.

En cuarto lugar, dicirvos que nestes tempos de sufrimento, de inxustiza social, de desigualdades, estarei a disposición dos mais desfavorecidos. Tentarei eliminar ou corrixir o sufrimento e cando o concello non poida, cando menos, que os que peor o pasan sentan moi cerca o apoio e a solidariedade do seu Alcalde e, agardo, de todos os membros da Corporación.

En quinto lugar, fago un chamamento público e solemne para un cambio de rumbo nas relacións institucionais. Episodios como a sañuda persecución do Goberno do Estado pola compensación da paga extra, como o absoluto ninguneo da Xunta cos intereses de Pontevedra ou como o terríbel trato discriminatorio, case vexatorio, que tivo a TVG con Pontevedra, agardo que pasen a historia. Pola miña parte, man tendida e borrón e conta nova.

E xa remato. Entre todos e todas seremos capaces de sair deste obscuro calexón no que nos meteron.

Teño total confianza en Pontevedra, confío nos pontevedreses e pontevedresas. Entre todos e todas seremos quen de buscar saídas e alternativas. Por moito que se empeñen Pontevedra sairá adiante cada vez con mais forza. Estou seguro.

Viva Pontevedra.