Costas confirma a continuidade de Ence ao non instar a caducidade da concesión

186

O Concello de Pontevedra presentará alegacións á proposta de resolución do expediente de caducidade que incoou o Ministerio de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Costas, a instancias da sentenza ditada polo Tribunal Supremo no pleito iniciado pola Asociación Salvemos Pontevedra que reclamaba a caducidade da concesión da pasteira en Lourizán.

Segundo resumiu esta mañá o concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera a resolución propón a caducidade parcial da concesión no que afecta á Edar, ao Emisario Submarino e tamén ás instalacións deportivas que hai na concesión (un campo de fútbol de terra).

A resolución tamén indica que a Edar e o Emisario Submarino é legalizable por iso insta á Xunta que solicite a concesión pertinente a Costas. Sobre as instalacións deportivas tamén se lle da un prazo para a caducidade que é “unha vez que os usuarios dispoñan dunha instalación adecuada”.

Incluso fala do edificio onde se atopa o comedor da pasteira. A resolución indica que se inicien os trámites para legalizar esta instalación.

César Mosquera explicou esta mañá que o Concello ía presentar alegacións ao expediente, un prazo que remata este vernes, e recoñeceu que esta resolución “é unha decepción total” e asegurou que “a presión do PP e da empresa son determinantes”. Tamén recoñeceu que o Ministerio de Medio Ambiente aproba o expediente tal e como está redactado “Ence tería a vía libre para a prórroga”, e só habería esperanza si existe un novo goberno en Madrid que cambie a actual Lei de Costas.

Expediente de caducidade de Ence