Culturgal 2015 abre convocatorias para reserva de stands e presentación de propostas para o programa oficial da Feira

38

Culturgal celébrase os días 4, 5, e 6 de decembro de 2015 no Pazo da Cultura de Pontevedra. Nas datas habituais e, como non pode ser doutra forma, o mesmo espazo no que ao redor de 15.000 persoas danse cita anualmente na Feira das Industrias Culturais. A partir do martes 16 de xuño xa é posible reservar espazo e presentar propostas para o programa oficial da Feira. Este ano con novedades, xa que a organización da Feira facilita a escolla de stand sobre plano e anuncia que irá confeccionando o programa de actividades a medida que se reciban e escollan propostas.

Unha oitava edición do Culturgal para facer da cidade de Pontevedra un lugar de encontro confortable, eficiente e novedoso con centos de liñas cruzadas entre públicos, expositores, creación, difusión, institucións, participación, venda, distribución, formación…Tres días de referencia para todas as persoas que fan parte diaria da actividade cultural en Galicia e grazas ás que a Feira reborda de contidos, entusiasmo e orgullo colectivo.

Palabra e comunicación. Unha novedosa distribución espacial dos espazos e stands no recinto como a reformulación da circulación do público incidirán nese obxectivo: mellorar a experiencia de públicos e creadores coa palabra en todo o recinto No programa de actividades, cunha convocatoria a todo o sector que se abrirá antes do verán, a palabra, como marca do Culturgal 2015, será protagonista en todas as súas expresións: escrita, falada, declamada, cantada, a palabra nos libros, na música, no cine, palabra para o debate, na internet, na formación, etc.

Se en 2013 apelábamos á corresponsabilidade, no 2014 falamos de construirmos xuntos a feira, neste 2015 temos a impresión de ter conseguido, coa complicidade de todos, un modelo de xestión sostible e de futuro. A participación económica estable e compensada nun 60 % de achegas públicas, cos patrocinios principais de Xunta de Galicia e concello de Pontevedra, e un 40% de achegas privadas, fan que o maior escaparate para a cultura galega teña un futuro compartido colectivamente.

Escolle e reserva o teu espazo en Culturgal 2015

 Ábrese o prazo para a reserva de espazo no Culturgal 2015, que se celebra os días 4, 5 e 6 de decembro no Pazo da Cultura de Galicia. A partir do 16 de xuño e até o 31 de outubro as empresas, entidades, institucións e creadores que o desexen poden reservar stand para participar da Feira das Industrias Culturais. Nesta oitava edición coa novidade de poder escoller espazo sobre plano a través da web www.culturgal.com.

No Culturgal sabemos que o presente e futuro da Feira depende da confianza establecida con expositores e patrocinadores. Esa premisa lévanos a ofrecer en cada edición mellores condicións e prestacións a ambos. Na convocatoria 2015 facilitaremos a elección de situación no recinto feiral xa que a Feira procura reforzar os obxectivos comerciais dos expositores, nunha edición na que, ademais, non haberá Tenda Culturgal. A organización do Culturgal traballa para contribuír a que os obxectivos comerciais e de visibilidade cos que os expositores acoden á Feira se cumpra. As tarifas de aluguer de stands conxélanse un ano máis (e van tres) e ofrécense prezos especiais a aquelas ONGs e asociacións sen ánimo de lucro que desexen divulgar a súa actividade no marco da Feira. A organización pon a disposición dos expositores 4 documentos na web: o manual do expositor con instrucións e normas, o formulario de solicitude, o plano da Feira e unha listaxe de stands na que os solicitantes poden consultar os espazos libres e os espazos reservados. Esa lista será actualizada semanalmente reflectindo o estado de ocupación dos distintos espazos da Feira.

Os expositores con stand en Culturgal 2015 contan ademais con vantaxes adicionais como actividades profesionais e gozar de prioridade á hora de propoñer presentacións de proxectos ou produtos na programación oficial.

 

Presenta as túas propostas para o programa oficial da Feira

Tes algunha proposta que queras desenvolver no Culturgal 2015? A partir do 16 de xuño ábrese convocatoria dirixida a empresas, persoas, asociacións e outras entidades, que poderán presentar proxectos empresariais ou creativos de calquera disciplina ou sector das industrias culturais, sempre e cando teñan participación galega.

Aquelas propostas seleccionadas pasarán a formar parte do programa da Feira, obtendo visibilidade e difusión entre profesionais, programadores, líderes de opinión e público xeral. Entre os criterios de selección primaranse os proxectos a estrear na Feira ou aqueles cuxo desenvolvemento estea en marcha, as iniciativas que impliquen colaboración entre empresas do mesmo ou diferente sector e as propostas que incidan na participación do público achegando a este os procesos creativos. Así mesmo consíderanse con vantaxe as actividades que procedan de empresas asociadas ás entidades que forman parte da Asociación Culturgal ou daquelas que contraten un stand.

En 2015 a organización irá seleccionando as propostas a medida que sexan recibidas, facendo pública periodicamente o avance da programación da Feira.

Ademais Culturgal pon en marcha un proceso de selección específica para os espectáculos que teñen lugar o sábado 5 pola noite e o domingo 6 pola mañán no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra.

Consulta as bases e presenta a túa proposta enviando o formulario de inscrición a propostas@culturgal.com até o vindeiro 30 de setembro.