A Aula de Teatro Municipal estrea “12 sen piedade” o sábado na Casa da Cultura de Marcón

200

Doce actores afeccionados da contorna de Pontevedra, integrantes da Aula de Teatro Municipal de Pontevedra (ATM) escenificarán este sábado 20 de xuño ás 22.00 horas na Casa da Cultura de Marcón o espectáculo ’12 sen piedade’, versión dun dos textos teatrais máis coñecidos e representados dende a súa primeira representación en 1954, ‘Twelve Angry Men’, do autor norteamericano Reginald Rose. A entrada é libre ata completar o aforo.

            “12 sen piedade” recolle o debate que se establece entre os membros dun xurado popular, encerrados nunha sala, que teñen que decidir sobre a inocencia ou a culpabilidade dun mozo, acusado de acoitelar a súa nai. A montaxe elaborada pola ATM ofrece unha reflexión sobre a pena de morte, sobre o egoísmo na sociedade e sobre a opinión pública a través de doce personaxes ariscos, complexos e en continúa tensión.

            O reparto, baixo a dirección de Anxo Lourido, leva traballando sobre este texto teatral dende o mes de novembro de 2014 na posta en escena e na elaboración do perfil de cada un dos personaxes. A estrea na Casa da Cultura de Marcón ofrecerá unha proposta innovadora dentro das montaxes da ATM coa ruptura da cuarta parede e a creación dun ambiente claustrofóbico onde os actores e as actrices están rodeados polo público, baixo unha iluminación deseñada por Ledicia Seoane. Deste xeito, búscase que os espectadores se integren na trama da obra asumindo que eles poderían tamén formar parte dun xurado popular coa responsabilidade de tomar decisións sobre a vida dunha terceira persoa.

            O elenco actoral está formado por sete actrices e cinco actores con idades comprendidas entre os 14 e os 60 anos. Vanesa Moreira, Paco Pernas, Carmen Rodiño Díaz, Pilar Boullosa, Mercedes Pardavila e Luis Portas, actores con experiencia artística tras intervir en diferentes proxectos teatrais e audiovisuais, comparten escenario cunha xeración de actores novos: Helena González, Laura Serén, Sara González, Antonio Morillo, Pablo Currás e Diego Chamizo.

15 ANIVERSARIO DA ATM

            “12 sen piedade” é a segunda estrea da ATM durante este ano, con motivo da celebración do 15 aniversario da creación deste espazo de iniciación á interpretación, xurdido a través da Concellería de Cultura de Pontevedra.

            O pasado 30 de maio, a ATM enchía o aforo do Centro Cultural de Monte Porreiro coa estrea de ‘Banqueiros’, unha comedia baseada en textos de diversos autores galegos e representada por outros oito intérpretes afeccionados da Aula de Teatro. Entre os máis de 300 espectadores que asistiron a esta estrea atopábase a escritora pontevedresa e académica da Real Academia Galega, Fina Casalderrey.

            Durante os 15 anos de actividade formativa, a ATM ten acadado numerosos premios en certames teatrais galegos e estatais (Reinosa (Cantabria), Villacañas (Toledo), Laxe, Cabana de Bergantiños ou Campo Lameiro), aos mellores espectáculos e mellores interpretacións con montaxes como ‘Un millón de vacas’, ‘O mellor dos mundos’ ou ‘A caída do conselleiro’. E actores que están a iniciar a súa carreira profesional como Beatriz Campos, Santiago Cuquejo ou Pepe Castejón formáronse inicialmente na Aula de Teatro de Pontevedra.